Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de A Fonsagrada tilda de “moi grave” que o BNG cualifique a previsión de gasto para obra pública do Concello de “ineficaz, opaco e incluso malversador”

A Fonsagrada, 12 de maio de 2021. O Partido Popular de A Fonsagrada, que dirixe José Regueiro, tilda de “moi grave” que o Bloque Nacionalista Galego cualifique a previsión de gasto do Concello para obra pública de “ineficaz, opaco e incluso malversador”. O popular fixo esta puntualización no momento en que dende a entidade local se deu conta ao pleno da acta da sesión anterior, que recolle ditas manifestacións. E é que as palabras da representante do BNG acadan unha maior transcendencia ao afirmar que “os recursos públicos foron utilizados para realizar obras privadas”.

Ao abeiro dos feitos, Regueiro censura que os nacionalistas “fagan acusacións deste tipo e, pola contra, continúen respaldando ao alcalde”; de aí que o popular convide aos edís do BNG “a facer autocrítica e a que, nun exercicio de valentía, retiren os apoios ao alcalde socialista”.

“Non se pode tirar a pedra e esconder a man, non pode ser apoiar a un partido para que goberne e logo acusalo de malversador dos fondos públicos”. Por este motivo, o voceiro do PP considera que “dar un paso atrás e recoñecer que temos o peor goberno local dos últimos anos sería un exercicio de coherencia e de responsabilidade por parte do BNG. Os seus votantes e os veciños da Fonsagrada lles estarían agradecidos”, insiste Regueiro.

Neste senso, o voceiro popular insta ao Bloque Nacionalista Galego a clarificar a súa posición, “xa que, de seguir así, con esta dicotomía de contigo nin sen ti, están sendo co-responsables da tensión que existe nestes momentos na gobernabilidade da Fonsagrada”.

Control do tráfico e outros asuntos
Tal e como anunciaran este luns, os populares votaron en contra da proposta do alcalde de librarse do control do tráfico na vila polo procedemento de cederlle as competencias á Garda Civil de Tráfico. Os edís do PP trasladaron así ao goberno local a necesidade de adoptar medidas para mellorar a circulación rodada e peonil na vila e para lograr unha máis pacífica convivencia entre os distintos tráficos.

Noutra orde de asuntos, pediron ao Concello que inste á Deputación a mellorar a estrada de Naraxa a Ponte Boadil, así como a posta en funcionamento do servizo de atención diurna, de competencia municipal, do centro residencial Rois A Fonsagrada. En terceiro lugar, propuxeron a elaboración dunha normativa axeitada que regule a colocación dos colectores de lixo situados no núcleo urbano; e, finalmente, que se instale un quitamedos na estrada LU-P-1991 dende o cemiterio de Padrón ata o cruce de Santa Juliana, co fin de aportar máis seguridade aos usuarios que toman este desvío.

Exit mobile version