Regueiro sinala que os principais problemas de tráfico na vila rexistrábanse os días de feira, os primeiros e terceiros sábados de mes. Dende o inicio da pandemia, debido a redución da afluencia, o problema non existe, segundo sinala o portavoz popular, que destaca que a organización do tráfico no casco urbano é competencia do Concello, e ten que xestionar estes asuntos.
O Concello de A Fonsagrada ten un axente de Policía Local, que se atopa de baixa por enfermidade. Regueiro di que o goberno municipal, se a baixa é prolongada, debe de buscar a maneira de cubrir esa baixa. É máis, o portavoz popular di que o Concello debe estudar a posibilidade de crear outra praza de axente de Policía Local.
Por outra parte, Regueiro sinala a necesidade de que o Concello deseñe medidas para mellorar o tráfico na vila. Di que é preciso buscar terreos que poidan ser habilitados como aparcamento. Tamén suxire facer unha revisión en canto á ordenación de direccións, así como a mellora da sinalización de tráfico.
“O que está claro é que a solución non é a cesión de competencias á Garda Civil. Iso só é unha renuncia máis do goberno local a xestionar aquilo que son competencias municipais. O Concello ten que adoptar as medidas necesarias para que vehículos e peóns poidan circular con seguridade cada día e que teña capacidade suficiente para resolver problemas puntuais, se é que se dan”.