Santiago, 21 de maio de 2021. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se reitera ao Goberno de España a solicitude de cesión gratuíta do inmoble do antigo colexio de Celeiro en Viveiro para, previa rehabilitación, trasladar alí a Escola Oficial de Idiomas Luz Pozo Garza e, a súa vez, permitir o aproveitamento dos espazos que deixa baleiros este centro de idiomas para a ampliación das instalacións do colectivo social ASPANANE, con destino a novos usos residenciais.
O deputado popular José Manuel Balseiro criticou que o Goberno central “está a torpedear a aspiración da veciñanza de Viveiro, e do conxunto da comarca, que xa hai máis de dous anos acollía con satisfacción e esperanza o triplo acordo ao que chegaron a Xunta, o Concello e a Deputación nun exemplo moi positivo de colaboración institucional”.
Este acordo, asinado no mes de marzo de 2019, “blindaba a continuidade da Escola Oficial de Idiomas de Viveiro, que contaría cunhas instalacións máis amplas e modernas; e ASPANANE faría realidade o seu proxecto residencial para a atención de persoas con enfermidade mental”, concretou.
CAMBIO DE POSTURA
O deputado popular indicou que “o Goberno central cambiou a súa postura inicial de negar toda posibilidade de cesión destas instalacións do vello colexio de Celeiro para agora amosarse disposto a esa transferencia previa venda desas dependencias”. “Pretende facer negocio co antigo colexio, un edificio pechado e sen uso que na actualidade está practicamente en situación de abandono e segue deteriorándose sen que a Administración central sexa quen de darlle un uso alternativo”, criticou.
José Manuel Balseiro asegurou que o Goberno central “incorre nun agravio comparativo” con esta decisión, porque, “sen saír da mesma localidade de Viveiro e da comarca da Mariña, existen exemplos dabondo de inmobles propiedade da Administración do Estado que foron cedidos a outras administracións de xeito gratuíto para darlles novos usos”. En concreto, referiuse á cesión gratuíta da Casa do Mar do Vicedo, a Casa do Mar de San Ciprián en Cervo, a Casa do Mar de Foz ou varios solares ao Concello de Mondoñedo.