O deputado popular José Manuel Balseiro lembrou que a Xunta “xa executou nesta estrada máis de dous quilómetros de beirarrúas nas zonas con maior densidade de vivendas en tres fases, o que supuxo un investimento superior aos 450.000 euros”. “Ademais, neste momento tanto as beirarrúas como todos os elementos da estrada atópanse en bo estado de conservación e son atendidas polo persoal do servizo de mantemento ordinario da Xunta para evitar o seu deterioro”, engadiu.
TOTALMENTE DE ACORDO
Balseiro afirmou que “estamos totalmente de acordo en que o proxecto continúe nos espazos pendentes, unha vez que xa se ten executado no treito máis prioritario pola presenza de casas agrupadas, zonas de peor visibilidade ou nas que os vehículos circulan a maior velocidade e hai persoas habitualmente andando”.
“A intención da Xunta é dar continuidade ás obras de mellora da seguridade viaria e peonil na estrada LU-162, que conecta Ferreira de Valadouro con Cangas de Foz, impulsando o proxecto nos tramos que aínda carecen de beirarrúas”, asegurou o deputado popular, quen criticou que o PSdeG “pretendan licitar e executar un proxecto construtivo que, a día de hoxe, non existe”.