Santiago, 11 de maio de 2021. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, unha norma “necesaria e valente que dará máis instrumentos ao noso rural para seguir mellorando”, manifestou a portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Elena Candia. “Estamos a aprobar un marco xeral para a xestión da terra para uso agrario, gandeiro e forestal, para loitar contra os lumes forestal e traballar pola fixación da poboación no rural galego”, apuntou.
Elena Candia comezou a súa intervención agradecendo o traballo desenvolvido na tramitación parlamentaria desta proposición de lei, á que se incorporaron 279 emendas dos grupos parlamentarios. “É unha lei de todos, porque ás emendas presentadas polo Grupo Popular se engadiron a metade das presentadas polo PSdeG e o 37 por cento das presentadas polo BNG”, concretou.
CAMBIO DE CRITERIO INXUSTIFICABLE DO BNG
Neste sentido, lamentou “o cambio de criterio dunha maneira inxustificada” por parte do BNG, ao votar en contra desta lei no Pleno logo de absterse no debate en Comisión. “É a fiel imaxe do que vivimos durante a tramitación parlamentaria da lei, xa que un día parecía que lle gustaba ao deputado do BNG pero ao día seguinte viña con algún argumento para votar en contra”, sinalou a portavoz popular.
“O rural galego empeza unha nova etapa e o máis importante será a partir de que estes instrumentos que hoxe se crean se empecen a aplicar”, manifestou Elena Candia. En concreto, referiuse á creación dos polígonos agroforestais, que aportarán unha nova dimensión para que as explotacións poidan ser máis sostibles; o reforzo do banco de terras, fundamentándose na voluntariedade dos propietarios; ou a actualización do catastro, unha demanda do rural galego e que permitirá corrixir moitas deficiencias.
Así mesmo, Candia lanzou unha mensaxe á mocidade, que contará coa nova figura do banco de explotacións, para garantir e impulsar a continuidade das unidades produtivas rendibles, ou os espazos agrarios de experimentación, nos que as persoas mozas ou emprendedoras poidan recibir formación e probar o seu modelo de negocio; e aos pensionistas, que terán mecanismos que lles permitan sacar unha maior rendibilidade ás súas explotacións.
“Todos estes instrumentos son absolutamente innovadores e moi comprometidos co noso rural, cos que Galicia abre unha nova páxina importante da súa historia”, subliñou Elena Candia