Mondoñedo, 1 de maio de 2021. Os populares de Mondoñedo expresan o seu preocupación polo mal estado da N-634. Así o abordaron na reunión de traballo que mantivo o Grupo Municipal coa presidenta provincial, Elena Candia, sendo este un dos temas principais que se expuxo na xuntanza. E é que esta vía é a comunicación complementaria á A-8 cando esta está pechada.
“Mondoñedo merece un adecentamento desa vía con mellores accesos pero tamén por seguridade”, afirmou Candia. Dun xeito máis preciso, indicou que os accesos seguen sen iluminación e o firme está moi deteriorado. É, por este motivo, polo que expuxo a importancia de acometer obras de mellora neste vial que é moi transitado cada vez que a Autovía cerra o seu paso a vehículos e porque, apuntaron, “o verán está cada vez máis próximo, polo que o recomendable sería xa ter iniciadas as obras”. Ademais, lembrou que o Executivo estatal xa tiña iniciado o expediente en 2017.
Fondos europeos
Os populares tamén fixeron balanzo da xestión do goberno local que, “de forma seria e responsable”, está centrada en seguir ofrecéndolles aos veciños os mellores servizos. A este respecto, informaron de que están a traballar para a consecución de fondos europeos co fin de levar a cabo melloras en vías municipais e espazos públicos por valor de máis de 2,6 millóns de euros.
Os proxectos presentados á convocatoria do ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana foron os seguintes: urbanización das rúas Peña de Franca, Febreiro, Bispo Sarmiento, Xulia Pardo Montenegro e parte da de Rocha de Velez, e Álvaro Cunqueiro; ampliación do camiño de A Valada-Mondoñedo-Lugo, das rúas Os Castros e Rocha Velez; acondicionamento do antigo cemiterio; estabilización do muro de contención de terra da residencia de maiores San Rafael; e creación de vivendas tuteladas dentro de dito centro. “Tamén estamos cooperando con empresas agroalimentarias”, concluíu.
“As persoas, a imaxe das institucións”
“O noso obxectivo, dixo Candia, ten que intentar ser o modelo que sigan outros Concellos”. Neste senso, analizaron a aposta que se está facer dende a entidade local para ser un referente nos servizos sociais, con prestacións como a atención temperá e postemperá ou o asilo.
“Son recursos fundamentais, xa que permiten dar atención aos cidadáns que máis o precisan. As persoas son a imaxe das institucións”, subraiou a presidenta. No caso da atención temperá, lembrou, “é un recurso fundamental porque permite detectar trastornos no desenvolvemento dos nenos de 0 a 6 anos para axudarlles a corrixilos o máis pronto posible. E iso é posible grazas a que esta unidade está atendida por un equipo multidisciplinar”.
“Ser altavoz”
A dirixente dos populares lucenses proseguiu así coa rolda de encontros cos representantes da súa formación para pulsar as necesidades que teñen como agrupación, co fin de “ser altavoz” e trasladar as demandas que lles trasladan os veciños ás administracións como poden ser a Deputación, a Xunta de Galicia, o Parlamento ou o Congreso e o Senado.
“Creo que este tipo de xuntanzas sempre son positivas para poñer en común no que podemos mellorar como Partido para seguir sendo o referente dos veciños e completar as accións que se levan a cabo dende o Concello”, precisou a presidenta.
Elena Candia continuará nos vindeiros días co seu cronograma de reunións para “seguir facendo Partido”, apuntou.