Santiago, 19 de xuño de 2021. A voceira de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, vén de pedir á Xunta que “traballe” para executar os 254 millóns que Galicia ten pendentes dos Fondos Europeos Marítimos de Pesca. Fíxoo, hoxe, a través dunha pregunta ao goberno galego na Comisión de Pesca do Parlamento.
“O sector está trasladando a súa inquedanza porque parte destes fondos poidan quedar sen executar cando estamos a mediados de 2021”, destacou a responsable socialista, logo de instar á Xunta a incrementar o nivel de execución ata 2023.
“É moitísimo diñeiro que lle viría moi ben ao sector” que, ademais, “o está a pasar moi mal por culpa da pandemia”, sentenciou a socialista, quen subliñou a importancia “de que estes fondos non se perdan” cando ademais poderían servir “para garantir un relevo xeneracional” necesario no sector.
A voceira socialista censurou deste xeito a “baixa execución” dos créditos consignados por parte do goberno galego nos anos 2016, 2017 e 2018, segundo os datos publicados polo Consello de Contas. Así, destacou que, malia que os créditos iniciais previstos neste período ascenderon a 179,58 millóns de euros, os créditos finais só acadaron os 80,57 millóns de euros, o que supón “unha baixa do 55%”.
Nesta liña, Otero lembrou que, segundo o acordo da Conferencia Sectorial de Pesca de 2014, dos 1.089 millóns de euros de fondos comunitarios designados a España desta partida, 371,02 millóns correspondíanlle a Galicia, “o que supón o 44,72% do repartido entre as comunidades autónomas”, 829,55 millóns de euros.
Finalmente, a socialista pediu que o novo FEMP 2021-2027 “simplifique os trámites”, xa que os actuais resultan “moi engorrosos, burocráticos e pouco operativos”.