Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Ribadeo informará á corporación de todos os pasos que se vaian dando coa herdanza de Francisco Moreda

Ribadeo, 14 de maio de 2021. Nun dos plenos celebrados onte no Concello de Ribadeo foi rexeitada a creación da comisión proposta polo PP sobre a herdanza de Francisco Moreda, que se vai destinar á reforma do Hospital Asilo. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que o equipo de goberno informará á Corporación de todos os pasos que se vaian dando, así como do compromiso que a Xunta vaia adoptar co financiamento da parte restante ata chegar a 1.500.000 de euros, cifra á que ascende o proxecto de reforma do Hospital Asilo.

O rexedor dixo que “demos, nun dos plenos de onte, satisfacción ao PP porque o tiña solicitado, dado que é un labor de transparencia e de debate, aínda que se votou de xeito negativo motivado, entre outras cousas, porque días atrás xa se celebrou unha auténtica comisión informativa formada por todos os técnicos e profesionais, tanto funcionarios municipais como xurídicos alleos, que participaron na xestión da aceptación e da defensa da herdanza así como da súa valoración para ser aplicada na necesaria mellora do Hospital Asilo”.
O alcalde ribadense explicou que “tamén se votou en contra porque un dos argumentos que leva tempo o grupo municipal do PP é propoñer cousas como que na súa comisión estivesen presentes os representantes legais do doador. E iso precisamente vai contra a vontade do finado xa que, de xeito consciente e deliberado, o señor Francisco Moreda deixou ben claro que os seus bens foran destinados ao Hospital Asilo, polo que calquera interpretación torticeira desta vontade suporía atentar contra a vontade do causante. Se o testador quixera que a súa familia participase teríao deixado dito”.

Suárez Barcia manifestou que “con todo, e a pesar de rexeitar esta comisión sui-géneris, mantemos, como non pode ser tampouco doutro xeito, o noso compromiso de informar á Corporación de todos os pasos que se vaian dando: como na poxa que se vai facer do piso e máis do seu mobiliario, da situación do preito xudicial que se mantén contra a entidade bancaria depositaria dos fondos e que tardou un ano en darnos acceso ás contas e que iso xerou un prexuízo á herdanza, ou da necesaria aprobación do proxecto de adaptación do Hospital Asilo que ten que ser aprobado pola Xunta, como tamén, e isto si que é importante, do compromiso que a Xunta vai adoptar coa financiación da parte restante ata 1,5 millóns de euros ao que ascende o proxecto. Esperemos que desta volta a Xunta colabore de verdade e non como fixo na nova residencia, que leva dous anos andando, que ademais de non poñer un peso fixo todo o posible para que non saíra adiante, aínda que afortunadamente non o conseguiu”.

O rexedor engadiu que “aquí eu quero dicir unha reflexión do pasado recente e contrastala co presente e co futuro inmediato. Mentres outros PP ribadenses, encabezados por Manuel Valín ou por Jesús Penabad, colaboraron desde Ribadeo no ánimo de levar adiante a nova residencia, non foi así daquela polo PP instalado na Xunta de Galicia.

Eu quero desta volta, queremos ver, si este PP de Ribadeo actual está á altura dos outros compañeiros del no pasado anterior poñéndose inequivocamente na reclamación activa do compromiso material real diante da Xunta. E a ver se a Xunta de Galicia nos sorprende esta vez e lle dá por colaborar con algo máis que migallas. Veremos se cambia de postura, eu particularmente teño esperanza nesta nova conselleira. A ver logo se o tempo dá ou quita razóns”.

Exit mobile version