Santiago de Compostela, 5 de maio de 2021. O conselleiro do Medio Rural, José González, acudiu esta mañá á comarca da Mariña para comprobar in situ como se desenvolven as prácticas do Grao medio de aproveitamento e conservación do medio natural inaugurado este curso 2020/2021 no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) Pedro Murias de Ribadeo, onde posteriormente acudiu á presentación do vídeo promocional “O rural que existe e avanza”. Acompañado do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, o conselleiro puxo de relevo a importancia de iniciativas coma este Grao medio que se imparte en modalidade FP dual para garantir a inserción laboral dos participantes.
Primeiramente, o conselleiro e o director da Agacal estiveron na sede da empresa Tecmaf (Centro Técnico de maquinaria forestal), en Barreiros, observando como os alumnos do Grao medio de aproveitamento e conservación do medio natural do CFEA Pedro Murias aprenden a empregar diversos tipos de maquinaria. Alí, José González lembrou que este ciclo veu inaugurar o Polo de formación forestal da Mariña, xa que esta iniciativa xa estaba implantada no IES San Rosendo, de Mondoñedo. Este polo de formación -engadiu- chegou para quedar porque este ciclo ten asegurado o seu futuro no curso vindeiro, cando se desenvolverá o segundo ano de contidos teóricos e prácticos que culminarán máis de 2.000 horas de formación desenvolvidas tanto no propio CFEA ribadense como en empresas do sector.
Nesa liña, o conselleiro agradeceu o labor de todas as empresas da Mariña onde estes alumnos fan prácticas ao abeiro deste ciclo, así como á Asociación de Transformación da Madeira de Lugo, que tamén está a colaborar. Lembrando que cada un dos dous cursos consta de seis módulos, apuntou que no primeiro ano se tratan cuestións primordiais como os fundamentos agronómicos, os principios de sanidade vexetal, as repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, a produción de planta forestal en viveiro, a maquinaria e instalacións forestais e a orientación laboral. Xa no segundo, os estudantes formaranse sobre o control fitosanitario, o aproveitamento do medio natural, a prevención de incendios forestais ou as diversas posibilidades de iniciativas emprendedoras.
Ante os alumnos do ciclo, o conselleiro do Medio Rural confiou en que grazas á formación recibida rematarán plenamente preparados para formar parte de empresas grandes, medianas ou pequenas, tanto públicas como privadas, dedicadas a traballos de repoboación forestal, de restauración e ordenación hidrolóxica forestal e de aproveitamento forestal, así como de control e vixilancia do medio natural. Eles, engadiu, son unha clara representación do que debe ser o futuro do noso rural.
Aposta pola formación
A visita do conselleiro e do director da Agacal á Mariña lucense concluíu no CFEA Pedro Murias de Ribadeo, onde se presentou o vídeo promocional “O rural que existe e avanza”. Nel participan representantes e exalumnos deste centro, así como produtores e empresas da zona, para poñer de relevo a necesidade de formación para garantir o futuro dos sectores agrario, gandeiro e forestal.
Sinalando que a Mariña é unha das comarcas que máis cortas de madeira rexistra de Galicia, o titular de Medio Rural resaltou que o sector forestal da nosa comunidade aglutina preto do 50% da madeira de España e máis de 2.000 empresas vinculadas que reclaman persoal cualificado.
Nesa liña, José González referiuse ao Plan de formación ao agro galego da Xunta como un plan estratéxico de formación agroforestal que materializa unha oferta aberta, flexible e accesible de aprendizaxe permanente que contribúe á profesionalización das explotacións, que fomenta a competitividade das empresas e que favorece a remuda xeracional no rural.