Viveiro, 27 de maio de 2021. O Concello de Viveiro felicita ao viveirense Pablo Rodríguez Méndez, asistente técnico do Villareal C.F., pola vitoria do seu equipo na final da UEFA Europa League, unha da competicións máis importantes a nivel internacional de fútbol. O partido final celebrouse onte contra o conxunto inglés Manchester United, no que o Villareal logrou o seu primeiro título da historia nos penaltis.
Pablo Rodríguez é veciño do municipio en cuxo equipo de fútbol, o Viveiro C.F, comezou o seu camiño no deporte. Pablo leva vinculado ao fútbol toda a súa vida, tanto como xogador como adestrador. Tras debutar co conxunto local, xogou en equipos como o S.D. Compostela, o C.D. Leganés ou o C.D. Lugo.
Despois de retirarse como futbolista, Pablo comezou a súa carreira como adestrador, chegando a ser o segundo técnico do Valencia C.F. na tempada pasada. No verán de 2020, incorporouse ao equipo técnico do Villareal C.F., dirixido polo reputado adestrador Unai Emery.
Dende o Concello de Viveiro alábase a traxectoria de Pablo, quen contribúe a destacar o talento local, proxectando o municipio por todo o mundo. O adestrador continúa moi vinculado a Viveiro e visita o municipio sempre que a súa axenda como técnico de fútbol llo permite.