Viveiro, 31 de maio de 2021. O Concello de Viveiro recorda á veciñanza que está en funcionamento o servizo gratuíto para o control da poboación urbana da gaivota patiamarela e a pomba común para a campaña de nidificación deste ano. A fase actual da campaña inclúe a retirada de niños e o control dos tellados do municipio, un servizo de balde que pode solicitar calquera persoa interesada.
Viveiro foi un dos concellos pioneiros en prestar este servizo, que cumpre en 2021 a súa terceira campaña no municipio. A intención deste servizo é mellorar a calidade de vida da poboación, xestionando de forma adecuada estas aves para previr e evitar o seu crecemento desmesurado, provocando posibles pragas e problemas de salubridade pública, asegurando sempre o benestar da especie.
Tras a realización dun primeiro estudo poboacional inicial destas especies, o proxecto complétase coa campaña de retirada de niños, dando unha referencia exacta do problema xerado en Viveiro.
Esta fase de control de tellados e niños xa está en marcha e está previsto que finalice no mes de agosto, realizando un mínimo de dúas visitas a cada tellado afectado, para impedir o nacemento das postas.
As intervencións consistirán na visita á propiedade afectada por dous técnicos que procederán a realizar unha revisión ocular do tellado afectado e á retirada dos niños atopados e do seu contido (ovos, pitos). Posteriormente, realizarase o mesmo proceso cun mes de diferenza entre visitas.
Dende o Concello de Viveiro, pídese a máxima colaboración tanto da veciñanza afectada como de quen detecte algún problema dos referidos. Os resultados do servizo dependerán en gran medida da colaboración da cidadanía, favorecendo a mellora da calidade de vida no municipio e axudando a protexer adecuadamente esta especie.
As persoas que así o desexen poden solicitar o servizo a través dos seguintes teléfonos de contacto:
-Concello de Viveiro: 982562968
-Larus Control (empresa concesionaria): 689 838 359 ou laruscontrol@hotmail.com