O Concello de Viveiro traballa dende hai anos a prol da oficialización do Camiño do Mar, xa que considera que acadar a oficialidade é de vital importancia para toda a comarca, ao tratarse dun novo recurso turístico que redundaría positivamente no turismo e economía da zona.
No marco deste labor de promoción da ruta, o goberno local puxo en marcha nos centros de educación infantil e primaria do municipio a actividade “Descubrindo o Camiño do Mar”. A iniciativa usará a ruta como ferramenta de aprendizaxe sostible e ademais incluirá a cartelería elaborada polo alumnado do CEIP Lois Tobío.
As Camiñadas deron comezo esta semana e prolónganse nas vindeiras 3 semanas, saíndo ao camiño os cursos de infantil e 1º e 2º de primaria de tódolos colexios do concello. Así, participan o EEI San Roque; CEP Lois Tobío; CEIP Santa Rita de Galdo; CEIP de Celeiro; CEIP de Covas e o colexio Landro.
Hoxe foi a quenda dos alumnos EEI San Roque, que realizaron unha Compostela propia do Camiño do Mar e que foron selando en diversas paradas do roteiro dende Pénjamo ata a Ponte da Misericordia.
Na Praza Maior tivo lugar o selado por parte da alcaldesa, María Loureiro, que agradeceu “o traballo dos nenos e nenas, trasladando o coñecemento adquirido na aula á propia experiencia de transitar polo camiño”.