Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela anima aos comerciantes e hostaleiros a adherirse ao Bono Impulso da Deputación

Burela, 7 de maio de 2021. O Concello anima aos comerciantes e hostaleiros a adherirse ao programa Bono Impulso da Deputación Provincial. Burela recibirá 484 bonos que significarán unha achega de máis de 30.000 euros.

O concelleiro de Comercio e Turismo, Ramiro Fernández Rey, dixo que “desde a Delegación de Comercio e Turismo do Concello de Burela animamos aos comerciantes e aos hostaleiros a adherirse ao plan do Bono Impulso que sacou a Deputación Provincial”.

O edil burelés explicou que “a Burela lle corresponden 484 bonos co que se van mobilizar máis de 30.000 euros no comercio e máis na hostalería. Parécenos unha boa partida que pode axudar e ser boa para estes sectores que resultaron tan afectados pola pandemia”.

Fernández Rey engadiu que “saíron publicadas as bases o día 3 de maio, no Boletín Oficial da Provincia, e hai quince días desde esa data para poder adherirse a ese programa. Unha vez se saiban cales son os comercios e restaurantes que van participar na iniciativa será cando poidan empezar a solicitar os bonos os consumidores. Xa o fará público a Deputación a través das súas redes sociais e na prensa, e explicará como se poden solicitar”.

Exit mobile version