O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, explicou que “como resposta á necesidade xeral de levar a cabo a dixitalización dos negocios, acentuada polas medidas restritivas do último ano, que tiveron un gran impacto económico, o Concello de Ribadeo presenta un programa de acompañamento e apoio para a transformación dixital das empresas locais, Reinicia Ribadeo”.
O proxecto está formado por tres elementos clave para a transformación dos negocios locais: asesoramento individualizado, formación práctica e novas canles dixitais de apoio, onde se compartirá información sobre a dixitalización e se poderán consultar dúbidas ao respecto.
O programa de apoio, totalmente personalizado, levarase a cabo dende o mes de maio ata o mes de setembro (ambos incluídos) e desenvolverase en catro fases: diagnose da situación de dixitalización inicial; formación grupal práctica en diferentes áreas de transformación dixital; asesoramento personalizado/individualizado para a implantación do plan de activación de dixitalización; e seguimento da implantación das accións propostas no plan de activación e informe final de resultados.
As persoas beneficiarias disporán de 20 horas de asesoramento individualizado e de apoio para deseñar e executar o seu plan de dixitalización. A convocatoria está aberta ás persoas autonómas e micropemes asentadas en Ribadeo, con independencia da súa actividade e sen ningún custo económico, ata acadar un total de 20 participantes.
Paralelamente leváranse a cabo cursos de formación práctica neste ámbito, que abordarán temas como as redes sociais, comercio electrónico, facturación dixital ou fidelización de clientes. Esta formación estará aberta a tódalas persoas autónomas do concello ata completar os aforos dos cursos.
Como complemento ao anterior, publicarase a través de redes sociais información sobre a dixitalización, boas prácticas e consellos, que servirán como canles de apoio e dende onde se poderán consultar dúbidas.
Pablo Vizoso salientou que “con Reinicia Ribadeo queremos impulsar a transformación dixital das empresas asentadas no noso concello permitindo mellorar a súa visibilidade na rede das firmas locais facendo uso das novas canles de comunicación e venda así como incrementar as competencias dixitais das empresas locais”.
Reinicia Ribadeo pretende facilitar a dixitalización das empresas locais en diferentes áreas de competencia: visibilidade e posicionamento na rede; comercio electrónico; fidelización de clientes; e sistemas de planificación de recursos (ERPS, facturación electrónica).
O prazo de inscrición está aberto ata o 14 de maio. As persoas interesadas en obter máis información poden solicitala no teléfono 982 128 250 ou por correo electrónico en silviaadl@ribadeo.org
As bases e mais información están dispoñibles en http://bit.ly/reiniciaribadeo