Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG urxe ó Goberno do Estado a retirar a Orde que regula as novas tarifas eléctricas

Madrid, 13 de maio, 2021. O BNG rexistrou no Congreso varias iniciativas co obxectivo de que o Goberno do Estado retire o Proxecto de Orde pola que se estabelecen os prezos dos cargos do sistema eléctrico e dos pagos por capacidade para abrir un novo proceso que permita acometer con garantías os cambios que se deben incluír. O deputado nacionalista, Néstor Rego, urxe reconsiderar a repartición de custos e portaxes para que, tanto consumidores domésticos como profesionais, non sufran o impacto que o actual deseño suporía. Alén do máis, consideran necesario facer unha valoración conxunto de todos os impostos que gravan o consumo de enerxía eléctrica, para eliminar o Imposto Especial de Electricidade e a baixar o IVE ao tipo súper reducido de 4%, aplicado a produtos de primeira necesidade, para conseguir abaratar a factura.

O pasado mes de marzo, o Consello de Ministros aprobou un Real Decreto polo que se estabelecía unha metodoloxía de cálculo dos cargos do sistema eléctrico que, xunto ás portaxes do sistema fixados pola Comisión Nacional do Mercados e da Competencia (CNMC), conformarían a parte regulada da factura eléctrica de cada consumidor ou consumidora. Esta reforma, prevista para que for aprobada en 2020, foi aprazada pola pandemia, entrará en vigor o próximo 1 de xuño.

“O BNG considera que esta norma vai xerar un impacto negativo nos consumidores e consumidoras polo que é necesario a retirada da norma, tendo en conta que afectará a importantes sectores da poboación que xa están a sufrir as graves consecuencias polo impacto económico das restricións debidas á COVID19” afirma o deputado nacionalista.

As tarifas estabelecidas pola Orde, implicarán que o tramo máis caro abranguerá entre as 10 e 14 horas da mañá e entre as 18 e 22 horas da tarde. Pola contra, o tramo máis barato situarase entre as doce da noite e as oito da mañá. Segundo os datos que aporta Rego, na Galiza “o cambio nas tarifas afectará a máis de medio millón de fogares adheridos ao sistema anterior e que verán como a súa factura experimenta un aumento que pode chegar a superar 30%”.

Así mesmo, debe destacarse o impacto que tamén terá o cambio en determinadas actividades económicas cunha forte implantación na Galiza como son as pequenas explotacións gandeiras. Debe lembrarse que os horarios do período punta da tarifa coinciden con tarefas de alto consumo enerxético. Por exemplo, unha explotación gandeira concentra 40% do seu consumo entre as 8 e as 13h e entre as 18 e 23h polo que o incremento medio da factura anual será de máis de 50%, posto que as horas de concentración de actividade e consumo son nos períodos punta. “Na Galiza existen máis de dez mil explotacións que se van a ver afectadas por estes cambios sen alternativa posíbel.

De igual forma, esta Orde afecta a outros consumidores cun perfil de consumo semellante ao descrito, como pode ser o da hostalería, que xa foi duramente golpeado pola pandemia, e o resto de PEMES, sufrirán igualmente as consecuencias, pois a súa actividade debe desenvolverse necesariamente durante as horas de maior custo da enerxía” explica Néstor Rego.

“Non resulta lóxico acometer un cambio normativo deste calibre sen ter en conta outros aspectos da composición da factura cun peso relevante e que tamén deben ser revisados como é a eliminación do imposto especial da electricidade ou o a redución do tipo de IVE que debe aplicárselle” enfatiza o deputado do BNG.PPrincipio del formulario

Exit mobile version