Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG urxe ao Ministerio a construír unha nova EDAR en Barreiros

Madrid, 27 de maio de 2021. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas na cámara baixa tras unha xuntanza coa alcaldesa do Concello de Barreiros, Ana Ermida, para reclamar ao MITECO que inclúa a construción dunha nova Estación Depuradora de Augas Residuais no municipio entre as súas obrar prioritarias.

Considera que se trata dunha obra de interese xeral pois evitaría as verteduras directas ao mar que provocan graves problemas de salubridade nas praias de Arealonga, Reinante e San Miguel.

O concello de Barreiros, de 3.000 habitantes e que en temporada de verán chega a triplicar este número, sofre as consecuencias do boom inmobiliario e descontrol urbanístico na década dos dous mil en que se chegaron a proxectar e construírse preto de 3.000 vivendas sen os servizos necesarios para darlles cobertura. Na actualidade, o municipio mariñán precisa dunha nova EDAR que evite as verteduras ás praias e provoca graves problemas de salubridade nos meses do verán.

“Os principais puntos de vertedura atópanse en zonas moi próximas ás praias, preto de lugares de interese natural e turístico como pode ser Augas Santas ou mesmo As Catedrais” apunta Rego. “Isto provoca un impacto negativo no turismo e supón un risco para a saúde pública tal e como demostran as analíticas de calidade das augas que seguen a lanzar valores de contaminación microbiolóxica por enriba dos valores considerados como normais” subliña o deputado nacionalista.

De facto, nos meses de maior temperatura, tense que prohibir o baño en numerosas praias como a de Arealonga, Reinante ou San Miguel. Esta situación, para a formación nacionalista, “é insostíbel” polo que exixen ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico que atenda as solicitudes trasladadas polo Concello de Barreiros.

“O MITECO ten que incluír entre os proxectos prioritarios, como obra de interese para o conxunto do Estado, a construción dunha nova Estación Depuradora de Augas Residuais no Concello de Barreiros que evite as verteduras directas ao mar que provocan graves problemas de salubridade nas praias de Arealonga, Reinante e San Miguel” subliña o deputado do BNG.

O elevado custo da obra, que se calcula pode supoñer uns 3,5 millóns de euros, “non é asumíbel para o concello de Barreiros”, polo que é necesario que outras administracións participen no seu financiamento.

Así, o Ministerio de Transición Ecolóxica debe atender as solicitudes trasladadas desde o Concello de Barreiros e apoiar a nova EDAR, necesaria para a saúde pública e o medio ambiente evitando unha deterioración maior do ecosistema costeiro neste concello mariñán.

Exit mobile version