A Mariña, 29 de maio de 2021. Desde o BNG anuncian a presentación de iniciativas e mocións no Parlamento e nos concellos, diante da posible e mais que segura suba dos combustíbeis no sector pesqueiro se se confirman os propósitos da U.E. e a condescendencia do Estado Español.
Un dos obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS) da ONU é a regulación das axudas públicas para o sector pesqueiro, que forma parte dende hai anos das reunións da Organización Mundial do Comercio (OMC) como organismo responsábel de buscar o acordo entre os 164 países que a compoñen. Trátase dun debate que non é sinxelo e cuxas conclusións poderían ter un impacto importante na pesca galega.
Nestes momentos existe un borrador de texto sobre o que se está negociando e o obxectivo é o de lograr un acordo antes da vindeira conferencia ministerial da OMC, inicialmente prevista para o 15 de xullo.
O documento sobre o que se está a traballar inclúe importantes cambios sobre as regras que actualmente rexen as axudas que recibe o sector pesqueiro. Entre os máis importantes figuran os que se producirían sobre as exencións fiscais aos combustíbeis, que quedarían eliminadas, baixo o argumento de moitas das partes que compoñen a OMC que defenden, sen entrar noutras consideracións, que son subsidios nocivos que fomentan a sobrepesca.
Coa adopción das medidas que propón a UE, podería duplicarse o prezo dos combustíbeis da pesca.
No Estado español, o prezo do combustíbel pesqueiro é de 45 céntimos o litro e, de aprobárense as medidas propostas, podería chegar a dobrar o seu prezo, o que suporía, unha vez máis, un novo ataque ao sector sen ter en conta nin a súa importancia económica nin moito menos a súa implantación e importancia social en moitos territorios altamente dependentes del, nomeadamente o galego.
Daniel Castro, deputado mariñao que xunto coa deputada Rosana Pérez presentou a iniciativa no Parlamento manifestou que “estamos pois diante dunha serie de accións que, de levarse a cabo, supoñerían un duro golpe para o sector do mar, nomeadamente para a frota de baixura, outro máis que habería que engadir aos que xa se vén vendo sometida dende hai anos e que farían definitivamente inviábel o mantemento da actividade en moitos casos” e afirmou tamén: “ao noso entender, Galiza e A Mariña non pode seguir permitíndose actuacións deste tipo que aboquen paulatinamente a unha das principais frotas da UE á súa desaparición e nunha comarca coma a nosa altamente dependente da pesca e con centos de embarcacións, polo que dende a Xunta débese defender con firmeza a un sector que proporciona miles de postos de traballo directos e indirectos e que é sostíbel medioambientalmente.