Por outra banda, tamén preguntou cando se porá en marcha un protocolo de
bioseguridade para planificar “con tempo, de maneira organizada e en contacto permanente con tódolos axentes implicados, para facer fronte a un escenario previo de chegada da peste porcina africana”.
O deputado alertou dos danos do xabaril nas explotacións e urxiu a Medio Ambiente a tomar medidas contra a propagación de doenzas aos animais. A Comisión europea, explicou o nacionalista, subliñou que a transmisión da tuberculose bovina aos animais domésticos polas especies de caza, especialmente polo xabaril, constitúe un retraso no custo e na efectividade dos programas de erradicación da tuberculose ademais dos considerables danos que ocasiona aos gandeiros.
O PP non responde sobre o orzamento para axudas en período electoral
Para o deputado, o Partido popular continua cunha política “errática e ineficaz” ante o medre desmesurado da poboación do xabaril e os danos que causa nas explotacións e lembrou que o Partido popular minimizou tanto o problema que mesmo deixou de convocar axudas. Esta circunstancia, dixo, causou un grande malestar entre os gandeiros e o PP respondeu, “en ano electoral”, cunha orde de axudas para a fauna salvaxe. Nesta liña, preguntou a canto ascendeu o orzamento para cubrir peticións que estaban denegadas por esgotamento da partida e lamentou, unha vez máis, “a falta de resposta” por parte da directora Xeral de Patrimonio Natural , Belén Do Campo.
O BNG reclama un Plan de xestión para controlar o xabaril
Xosé Luís Rivas (Mini) volveu a reclamar un Plan de Xestión, “consensuado, con censos, estudos de comportamentos, hábitos, estratexias de defensa e adaptación da especie e métodos de control da mesma” porque durante estes anos, repetiu, tivemos “moita propaganda” pero seguimos carecendo dun Plan de Xestión.
Hai gandeiros, explicou o nacionalista, que están mudando de forraxe abandonando o millo por outras alternativas ou simplemente deixando de botalo porque non lles compensan os gastos e a dotación orzamentaria das axudas non chegou a nada e houbo que incrementala, reiterou, descoñecemos con que orzamento porque foi en “plena campaña electoral” e non se informou da cantidade.
“Falar de cercado de fincas con valados e pastores eléctricos coma solución preventiva ao problema é descoñecer a realidade do agro e gandaría do noso país pola “dispersión das parcelas, polo número delas e pola forza, maña e teimosía que amosan estes animais”. Esta problemática, insistiu o deputado, non se resolve só a través de axudas, hai que enfrontala con medidas preventivas contra os danos nos cultivos e a ameaza de problemas sanitarios.
Precísamos non perder máis tempo e aprobar xa “un Plan de Xestión e de bioseguridade do xabaril” que permita ter diagnósticos anticipados do estado da poboación, tanto a efectos de control de tamaño e efectivos, como detención precoz de carga vírica da peste porcina, e a posible identificación de áreas infectadas cun protocolo de actuacións e coordinación dos 5 diferentes axentes implicados , “Tecores, veterinarios e veterinarias , granxas, e a autoridades medioambientais”, ao que sumou campañas informativas e de sensibilización sobre como actuar cos xabarís cazados durante as sesións de controis de poboación.