Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro solicita comisións mensuais para acadar a reapertura do matadoiro municipal

Viveiro, 28 de maio, 2021. Co peche do matadoiro municipal, o Goberno de María Loureiro deixou caer un servizo municipal máis evidenciando unha clara falta de control das contratacións externas coas que conta o Concello de Viveiro.

Ante esta deixadez nas súas obrigas, o BNG solicitou ao Concello de Viveiro o pasado 14 de maio, coa finalidade de coñecer os labores de control que se puideran ter feito por parte do concello durante a vixencia do contrato do matadoiro comarcal,

Copia da documentación relacionada co inventario de materiais do matadoiro comarcal, que tivo que facerse durante o primeiro mes despois da contratación (cláusula 6.4 do contrato) así coma todos os eventuais inventarios que se puideran ter realizado durante os “labores de inspección” que puidera ter realizado o Concello “de maneira continuada” durante o período da vixencia do contrato.

Sen obter resposta a día de hoxe, como vén sendo habitual nas manobras de ocultar información por parte do equipo de Loureiro, dende o BNG consideramos imprescindible coñecer a situación co maior detalle polo que levaremos ao vindeiro pleno a exixencia de celebrar unha comisión mensual na que se nos informe das xestións relacionadas coa resolución do contrato do matadoiro, así como das xestións a desenvolver para promover a reapertura do mesmo.

“Dende o BNG consideramos necesaria unha comisión na que se nos informe detalladamente das xestións que están a realizar por parte do Concello, así como para presionar e que a súa reapertura sexa efectiva canto antes”, afirmou a concelleira do BNG, Míriam Bermúdez.

Exit mobile version