Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro pide documentación dos servizos municipais externalizados, tralo episodio do matadoiro

Viveiro, 11 de maio, 2021. Á vista da grave situación acontencida no matadoiro comarcal, con moitas deficiencias e pechado dende o pasado 30 de abril coa consecuente perda dun servizo público máis para a veciñanza e o sector gandeiro en especial, dende o BNG solicitamos ao concello a documentación necesaria para levar a cabo un coñecemento e seguimento rigoroso de todos os servizos municipais que se atopan en concesión a empresas privadas, como poden ser a auga, o lixo, o punto limpo, a limpeza de centros escolares, o mantemento de zonas axardiñadas, desbroces, Servizo de Axuda no Fogar, Escola Infantil Municipal, servizo de limpeza da piscina municipal, etc.

A pasividade e desleixo no control do cumprimento das condicións establecidas nas concesións privadas dos servizos municipais, xerou numerosos conflitos do Concello con concesionarias privadas que deixan en evidencia a mala xestión do goberno de Loureiro, que levan causado perxuízos económicos e unha degradación dos servizos para a veciñanza: lembramos a disputa por unha nave de 120.202,42 € para o servizo de recollida de lixo e que debería terse executada, problemas na xestión da piscina de Celeiro ou contratos que caducan sen novas licitacións e que se suman ao peche do matadeiro municipal. A alcaldesa ou o órgano no que delegue ten, ex lege, todas as competencias executivas e a obriga de velar polo cumprimento das cláusulas das concesións e ante un novo fiasco do goberno do PSOE, o BNG esixe maior control e transparencia que permita coñecer e esixir a execución completa dos contratos, das melloras establecidas e en defintiva mellorar o servizos prestados para a veciñanza.

Impedimentos para o acceso á información por parte do Equipo de Goberno

A día de hoxe segue sen resposta a información solicitada, vía rexistro, hai tres meses dende o BNG en relación aos gastos en publicidade e propaganda acometidos no exercicio 2020 polo concello así como, a solicitude de información relacionada coa Relación dos Postos de Traballo do Concello, nunha mostra continua por parte do equipo de goberno de ocultar e impedir o acceso á información intencionadamente como se exemplificou cando o BNG solicitou o acceso ao expediente relacionado coa EOI e ASPANANE e por parte do Concello se limitou o acceso a tal información por tan só cinco días, impedindo consultar nova documentación que se puidera xerar na xestión da cesión do edificio do antigo colexio vello de Celeiro.

Tendo en conta tales antecedentes, dende o BNG agardamos que esta actitude de opacidade no goberno do PSOE mude, e faciliten na maior brevidade toda a información que se ten solicitado.

Exit mobile version