A deputada nacionalista destacou “o atraso no que foron deixando a Galiza os distintos gobernos do PP e do PSOE no estado en materia de infraestruturas”, e afirmou que “esta situación vese aumentada na provincia de Lugo, que aínda non conta con comunicacións dignas que nos comuniquen co resto do país nin por estrada nin por ferrocarril”. Para Olalla Rodil, “é unha burla que o goberno pretenda incentivar o uso transporte público con esta medida cando en Galiza non existen servizos á altura das necesidades actuais”.
Olalla Rodil lembrou que o BNG leva décadas loitando pola mellora dos servizos públicos de transporte, especialmente os ferroviarios e incluídos os de mercadorías. “Para o BNG é unha prioridade a modernización da rede interior de ferrocarril e o remate das autoestradas que levan anos iniciadas e décadas proxectadas”, explicou Olalla Rodil, que engadiu “antes de plantexar novas peaxes, o goberno debe rematar estas infraestruturas e garantizar alternativas que faciliten a mobilidade e non supoñan un sobrecusto”.