Lugo, 08 de maio de 2021. A viceportavoz do BNG no parlamento galego e deputada por Lugo, Olalla Rodil, anunciou unha campaña de accións sociais e de iniciativas nas distintas institucións nas que o BNG ten representación para evitar que o goberno do Estado leve adiante o plan de colocar peaxes en todas as autovías. Rodil afirmou que “no caso de Lugo, o goberno non pode facer pagar á veciñanza por unha serie de infraestruturas que en moitos casos non están rematadas, e das que non existe unha alternativa na rede de transporte público”.
A deputada nacionalista destacou “o atraso no que foron deixando a Galiza os distintos gobernos do PP e do PSOE no estado en materia de infraestruturas”, e afirmou que “esta situación vese aumentada na provincia de Lugo, que aínda non conta con comunicacións dignas que nos comuniquen co resto do país nin por estrada nin por ferrocarril”. Para Olalla Rodil, “é unha burla que o goberno pretenda incentivar o uso transporte público con esta medida cando en Galiza non existen servizos á altura das necesidades actuais”.
Olalla Rodil lembrou que o BNG leva décadas loitando pola mellora dos servizos públicos de transporte, especialmente os ferroviarios e incluídos os de mercadorías. “Para o BNG é unha prioridade a modernización da rede interior de ferrocarril e o remate das autoestradas que levan anos iniciadas e décadas proxectadas”, explicou Olalla Rodil, que engadiu “antes de plantexar novas peaxes, o goberno debe rematar estas infraestruturas e garantizar alternativas que faciliten a mobilidade e non supoñan un sobrecusto”.