Site icon Crónica3.com A Mariña

O anhelo dunha pista en Foz une ao atletismo marinán

Foz, 1 de maio, 2021. Este venres tivo lugar en Foz unha reunión á que acudiron representantes de todas as entidades deportivas da comarca da Mariña vinculadas ao mundo do atletismo e as súas diferentes modalidades.

Todos os clubs mariñaos presentes nesta xuntanza decidiron, sen excepción, unir os seus camiños e esforzos para que a comarca da Mariña conte, a non moito tardar, cunhas pistas de atletismo.

Deste xeito, as seguintes entidades: Club Atletismo Ría de Foz, Club Atletismo Ribadeo, Club Atletismo Lourenzá, Club Atletismo Burela, Club Deportivo Egobarros Viveiro, Peña Lar Viveiro, Toxiza Clube de Montaña e S.D. Albións A Pontenova asinaron un manifesto onde expoñen, de xeito razoado e argumentado, a súa solicitude e instan ás diferentes administracións (Concello de Foz, Deputación Provincial de Lugo, Xunta de Galicia e Federación Galega de Atletismo) a que traballen, de xeito real e decidido, para facer posible a creación dunhas pistas de atletismo na comarca da Mariña.

A seguir, pódese consultar a totalidade do manifesto asinado polos clubs mariñaos:

A MARIÑA UNIDA POR UNHAS PISTAS DE ATLETISMO

O título deste manifesto recolle dúas premisas ben certas: A comarca da Mariña precisa, de xeito prioritario, dunhas pistas de atletismo e esta necesidade fai que diferentes entidades deportivas, vinculadas ao mundo do atletismo e as súas diferentes modalidades, unan os seus camiños para facer posible esta demanda.

As entidades deportivas, e representantes do mundo do atletismo, abaixo asinantes diríxense ás entidades públicas correspondentes (Concello de Foz, Deputación Provincial de Lugo, Xunta de Galicia e Federación Galega de Atletismo) para trasladarlles o seguinte argumentario, moi meditado e razonado, que sustenta a súa solicitude:

-O atletismo é un deporte que conta, en todas as súas modalidades, cada vez cun maior número de seguidores, cunha base sólida e consolidada na nosa comarca de clubs e atletas. Proba disto son a creación dun maior número de clubs, o aumento exponencial da cifra de licenzas deportivas (tanto a nivel de categorías inferiores como absolutas) e o alto número de eventos deportivos relacionados con esta práctica.

-O feito de carecer dunhas pistas de atletismo de referencia na comarca dificulta que os atletas poidan competir en igualdade de condicións cos que si teñen a posibilidade de adestrar nunhas. Mérito engadido ao traballo que xa se está a facer.

-Os atletas mariñaos teñen que realizar viaxes de ida e volta dunha media de 2h30 de duración, como mínimo, para poder seguir os seus programas de adestramento por carecer dunhas pistas de atletismo.

-A creación dunhas pistas de atletismo na nosa comarca, ademais de potenciar a parcela deportiva, contribuiría a estimular a vida económica da nosa comarca (hostelería, hospedaxe, restauración, etc.), posto que abriría a posibilidade de acoller a organización de diferentes probas de carácter comarcal, autonómico ou estatal nestas instalacións.

-Axudaría, ademais, de maneira fundamental ao traballo coa base. A comarca da Mariña converteríase, así, nun viveiro de atletas que puidesen ter unha longa e, por que non soñar, exitosa vida deportiva. Por non sinalar o impacto positivo que tería na vida escolar dos centros educativos da comarca.

-Deste xeito, consideramos que o concello de Foz, como centro neurálxico da comarca da Mariña, cumpre os requisitos para ser a ubicación lóxica e racional destas futuras pistas de atletismo. Máis aínda cando se dispón dun estudo profesional que acredita na viabilidade do proxecto nesta vila.

Finalmente, instamos a todas as administracións públicas implicadas en facer realidade este proxecto (Concello de Foz, Deputación de Lugo, Xunta de Galicia e Federación Galega de Atletismo) a que traballen, dun xeito real e decidido, para facer posible a creación dunhas pistas de atletismo na comarca da Mariña.

Para deixar constancia, e acordo unánime do aquí exposto, asinan, en Foz a día 30 de abril do ano 2021, as seguintes entidades deportivas e representantes do mundo do atletismo da comarca da Mariña:

-CLUB ATLETISMO RÍA DE FOZ
-CLUB ATLETISMO RIBADEO
-CLUB ATLETISMO LOURENZÁ
-CLUB ATLETISMO BURELA
-CLUB DEPORTIVO EGOBARROS VIVEIRO
-PEÑA LAR VIVEIRO
-TOXIZA CLUBE DE MONTAÑA
-S.D. ALBIÓNS A PONTENOVA

Exit mobile version