Site icon Crónica3.com A Mariña

O 22 e 29 deste mes celébranse en Ribadeo dous novos obradoiros Apego para bebés

Ribadeo, 13 de maio de 2021. A Concellaría de Cultura organiza dous obradoiros do Apego para familias con bebés de seis meses a dous anos, que terán lugar os días 22 e 29 de maio, na Casa do Viejo Pancho. A inscrición está aberta. Van ser impartidos pola educadora María Novo.
A edil Pilar Otero explicou que “a Concellería de Cultura de Ribadeo ten un especial interese no proxecto Apego en canto supón sumar esforzos e crear dinámicas que favorezan que nais e país, en xeral as persoas adultas, lles transmitan ás crianzas o noso idioma. Desde este punto de vista recibimos como unha moi boa nova e moi necesaria que o parlamento galego, por unanimidade, decidise estes días apoiar unha canle só dedicada á programación infantil na Televisión de Galicia. A presentación da iniciativa popular da Mesa pola Normalización Lingüística de Galicia, apoiada por máis de 300.000 sinaturas fixo posible isto”.

A concelleira de Cultura sinalou que “a nivel máis modesto, como formiguiñas, nós seguimos traballando co mesmo obxectivo. Desta vez, da man da educadora María Novo, presentamos dous obradoiros que xiran arredor do xogo e da aprendizaxe e nos que convidamos a participar ás familias cos seus bebés entre seis e vintecatro meses. Imos facer dúas sesións de hora e media, en sábados consecutivos e na sala que para o Apego destinamos no Viejo Pancho”.

A educadora María Novo dixo que “tanto o obradoiro O Cesto dos Tesouros como o Xogo Heurístico son dúas propostas de xogo, para nenas e nenos dende os seis meses ata o ano no caso do Cesto dos Tesouros, e o Xogo Heurístico dende o ano ata os dous. Un sería continuación do outro. O principal desta proposta de xogo é que imos empregar obxectos cotiás como xoguetes para os nenos e nenas. Utilizaremos materias naturais, cartón e calquera obxecto que poidan empregar os nenos, que non sexa perigoso para eles, pero que ao mesmo tempo lles chame a atención. Nosoutros queremos facer estes obradoiros en dúas partes. Unha primeira parte na que traballaremos coas familias, explicarémoslles e profundaremos un pouco sobre estas propostas de xogo, cal foi a súa orixe, cales son os seus obxectivos e cal é o papel que nós como adultos debemos ter dentro desa proposta de xogo. Despois, haberá unha segunda parte que será de práctica para xogar coas nosas crianzas. Este tempo de xogo queremos tamén que sexa un tempo de comunidade, de que as familias con nenos e nenas de idades semellantes compartan as súas inquietudes e momentos nos que están as súas nenas e os seus nenos. Queremos que desfruten tanto as propias crianzas como as familias, que se sintan a gusto”.

María Novo salientou que “ademais temos o honor de estrear esa sala do Apego, que pode ser un lugar entrañable como referencia para todas as actividades que se leven a cabo. Concretamente estas dúas están destinadas para os máis pequenos e pequenas da casa. O Cesto dos Teosuros é o sábado 22 de maio, de doce a unha e media, e está destinado para as nenas e nenos de seis meses ata o ano. E o Xogo Heurístico é o seguinte sábado, día 29, e está destinado para nenas e nenos dende o ano ata os dous”.

Pilar Otero engadiu que “nos dous casos se trata de obradoiros que van levarse a cabo na Casa da Cultura, no Viejo Pancho, nunha sala que habilitamos, que esperemos que todos desfruten e que poidamos facer moitas máis cousas, que imos chamar espazo Apego, e vai ser de doce a unha e media os dous sábados. Ao haber prazas limitadas precisamos que as familias se anoten antes. Seguro que van desfrutar un montón, tamén é importante non só que desfruten as crianzas senón as familias, ese momento en que todos temos un montón de inquedanzas, que non sabemos moi ben se iso só nos pasa a nós ou tamén a outros, está moi ben esa forma de participar nos obradoiros. Hai dúas canles para anotarse que son o teléfono da Área de Cultura, que é 982 131 565, ou no enderezo electrónico, que é cultura@ribadeo.org. O prazo para inscribirse remata sempre o xoves antes de cada obradoiro ás dúas da tarde, é dicir, por exemplo para o primeiro obradoiro que vai ser o 22 de maio, o prazo remata o xoves 20. Así que animamos a todos a participar e a desfrutar con María Novo”.

Exit mobile version