Foz, 7 de maio de 2021. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, pon en valor a aposta polo emprego do Concello: máis de 600.000 euros fronte aos 200.000 que propuxo o Partido Popular.
O rexedor municipal relaciona os investimentos en emprego que se levan a cabo desde o Concello, desagregados nas distintas liñas de actuación: Plan Único 2020 en vigor, 100.900 euros; subvención para persoas en risco de exclusión social (RISGA), 64.000 euros; Solicitude Mellora de Empregabilidade, 111.300 euros; Plan de Contratación para o verán, 50.000 euros; prazas de oficial do servizo de obras, 38.000 euros. “Suman un total de 364.200 euros. Se lle engadimos o obradoiro dual de emprego Terras do Ouro para traballos forestais, na parte que lle podería corresponder a Foz (70% de 31.9874 euros, 22.3912 euros) e tendo en conta tamén outras liñas e subvencións que se están a pedir, como o APROL RURAL, o convenio para prevención e defensa de incendios forestais e outras máis, estamos a falar dunha cantidade moi superior aos 600.000 euros”, explica Fran Cajoto.
Ademais Cajoto lamenta o ton do plenario: “foi bronco, de confrontación, con continuas interrupcións do voceiro do Partido Popular, ao que o tiven que chamar varias veces á orde. O PP intenta crear unha imaxe deste goberno que non se corresponde para nada coa realidade. Falan sen datos, intentando confundir a veciñas e veciños do noso concello. As partidas de investimento en emprego directo deste concello superan os 600.000 euros polo que non podemos aceptar de novo un rogo convertido en moción para un investimento de unicamente de 200.000 euros, mal calculada e que non cubría os custos do persoal que o PP propoñía contratar”.
Ao alcalde tamén lle sorprendeu a crítica destrutiva a todas as obras que se fixeron nos últimos dous meses no concello: “no plenario deste xoves criticáronse os aglomerados das entradas, o pintado das rúas, a mellora da accesibilidade coas novas beirarrúas en Vilaxoane, as ampliacións en Paseo de Colón, os badéns para calmar a velocidade do tráfico,… Creo sinceramente que son obras importantes para a nosa vila e lamento que o Partido Popular non opine o mesmo. Quero remarcar que serán benvidas todas as propostas, a oposición representa a unha parte moi importante da poboación de Foz, pero as achegas deberían ser sempre fundadas e con criterio”.