Site icon Crónica3.com A Mariña

“Madrí (lado A)”, por Félix Jorquera

Vaia por diante que ao longo deste artigo cando me refira a Madrí, fareino pensando no lado A. Collo como metáfora da industria discográfica ese lado titular dun single (disco de 45 r.p.m) que interesa lanzar por ter máis gancho ou, dito doutro xeito, máis rendemento comercial. O lado B é de recheo.

Escribo isto poucas horas despois de coñecer os resultados das eleccións autonómicas madrileñas que deixan, sen posibilidade de ningunha outra interpretación, a Díaz Ayuso como a gran referente dos habitantes do centro peninsular.

E mentres os datos confirman o que anunciaban todas as enquisas, lembrei a Feijóo nas comparecencias tralos seus tamén incontestables triunfos electorais: “O PP é o partido que máis se parece aos galegos e galegas”.

Non lle vou quitar razón ao presidente galego, é posible que en termos cuantitativos así sexa, aquí e en Madrí.

Por iso, utilizando esa máxima, non creo que insulte a ninguén se digo que, efectivamente, Ayuso personifica ao típico madrileño. Altiva, engreída, sobrada, chea de razón e carente de cercanía, fodechinchos nunha palabra. Ayuso é emperatriz da farsa que é Madrí. Con esa frase na boca tan chea de prepotencia como carente de consistencia, que di que Madrí é rica e aporta máis que ninguén.

De verdade Madrí é rica?. En que?. Que recursos naturais posúe?. A resposta é sinxela: nada, nada de nada. A riqueza de Madrí é ficticia, baseada nun sistema centralista que a converte en recadadora de impostos. Mentres Galicia, rica en recursos, produce enerxía, deixando aquí todo o impacto ambiental, Madrí domicilia a esas compañías e cobra os correspondentes tributos. Galicia de enerxía, vento e auga, pesca, forestal e gando VS Madrí de SICAV e exencións de IRPF. Esa é a realidade.

Dixo a presidenta que Madrí é o Km 0. Faltoulle engadir que o resto somos os destinos dos seus designios. Os Madrís das súas vacacións, vaia. Porque unha cousa é ben certo, de Madrí ó ceo, pero cando teñen un intre escapan ‘despavoridos’ malia que teñan que aguantar horas de atasco. Só quedan en Madrí os do lado B do single.

Resulta desacougante comparar a este Madrí de Ayuso con aquel de Tierno Galván. Ben é certo que na literatura dos 80 da movida hai moita pose e non tanto cerebro, mais é xusto recoñecer que a capital do estado lograra quitar o po dunha camisa de anos da ditadura para situarse na vangarda cultural de Europa. Certamente aquel Madrí si que podería presumir de liberdade, ben máis que este de ‘caceroladas’ do barrio de Salamanca.

Gústame esa frase que afirma que a democracia dá o poder, non a razón. As reglas son así. Os madrileños (lado A) escolleron. Nada que discutir

Iso si, para rematar e volvendo ao símil discográfico. Na historia da música hai infinidade de casos nos que os lados B agocharon auténticas xoias, o máis célebre seguramente no haber dos Beatles. En 1968 publicaron o single de Ob-la-di-ob-la-da / While my guitar gently weeps. O lado A era unha pachangada de McCartney en procura do enésimo número 1. O lado B, de Harrison, co paso do tempo segue brillando como un dos mellores temas do grupo, favorito de moitos fans.

Pois iso, benvido/a ao cortoplacismo da frase doada e o xesto de selfie.

Exit mobile version