Esta reunión súmase a outras iniciativas do goberno local para conservar o patrimonio, como a recente petición aos propietarios do casco histórico de realizar os traballos de mantemento correspondentes.
Dado que Viveiro conta con áreas urbanas que actualmente poderían ser meritorias de achegas económicas por parte doutras administracións implicadas, a reunión centrouse en determinar que tipo de condicionantes e requisitos farían falta para tramitar unha Área Rexurbe para o conxunto histórico de Viveiro. Ademais, tamén se abordou a posibilidade de declarar Área de Rehabilitación á parte máis antiga e representativa de Celeiro.
Tendo en conta a información facilitada polos técnicos do IGVS, o Concello de Viveiro valorará a posibilidade de tramitar a declaración de Área Rexurbe para o Conxunto Histórico de Viveiro. En canto á Área de Rehabilitación para Celeiro, o goberno local iniciará o estudo para solicitar a súa declaración, o que posibilitaría a tramitación de axudas para a intervención en edificios de titularidade privada e realizar actuacións de urbanización e reurbanización.
A conservación do patrimonio sempre foi un dos intereses prioritarios do Concello de Viveiro, xa que conta cunha Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico en Viveiro dende o ano 1998, sendo unha das pioneiras na Comunidade Autónoma de Galicia.
Nesta liña, en decembro de 2020, o Concello de Viveiro emitiu un bando para requerir a todos os propietarios de solares, edificacións e construcións no ámbito do Casco Histórico que cumprisen coas obrigacións de salubridade, sanidade e ornato publico, procedendo á súa limpeza, reparación ou mantemento.
Con esa medida, o Concello de Viveiro pretendía recordar expresamente a obriga de realizar as seguintes actuacións: limpar as cubertas e canalóns, limpar de vexetación, eliminar elementos que fosen susceptibles de caída á vía pública así como pechar os ocos de fachada sen carpintería por medio de taboleiros de madeira pintadas en cor negro mate.
Ademais, esixiuse a eliminación de rótulos comerciais que non estivesen en uso, a substitución de canalóns e baixantes en mal estado, o pintado de fachadas de baixos comerciais e a limpeza de plantas baixas de inmobles. O Concello de Viveiro concedeu un prazo dun mes para a execución destas actuacións.
Porén, non se levaron a cabo de maneira voluntaria estas reparacións por parte dalgúns dos titulares das edificacións, incumprindo polo tanto as obrigas referidas no bando. Polo tanto, o Concello de Viveiro comezará a tramitación das respectivas ordes de execución, que derivarán en sanción no caso da non execución das obras ordenadas no expediente.
Atendendo a que unha das rúas en peor estado relativo á seguridade e salubridade é a rúa Rosalía de Castro, o Concello de Viveiro comezará a ditar as ordes de execución nesa rúa, continuando posteriormente coa súa tramitación en todas as rúas do casco histórico.
Finalmente, dende o Concello de Viveiro sinálase que existen numerosas edificacións, dentro do casco antigo, sen titular coñecido ou nos que as notificacións dos expedientes resultan infructuosas.
Para o goberno local, estes son os inmobles máis preocupantes, debido a que algúns deles entrañan perigos para o vial público. Dada esta inseguridade, o Concello debería facer as obras de maneira subsidiaria, como xa se fixo nalgúns inmobles; unha actuación que require dunha gran partida orzamentaria e da tramitación de expedientes con procedementos complexos. En todo caso, o Concello de Viveiro realizará todas as accións oportunas e mediante todos os medios, incluída a vía xudicial, para solventar estes problemas.