O goberno local destaca que “esta actuación continúa a favorecer o aforro na factura da luz ao implementar tecnoloxías máis eficientes”; xa que “o aforro enerxético estimado con esta actuación é dun 59%”. E, ao mesmo tempo que se diminúe o consumo de enerxía, redúcese a emisión de dióxido de carbono. Así mesmo, os membros do executivo local indican que “a mellora do alumeado público nas rúas do casco histórico mindoniense da cumprimento aos requirimentos de iluminación, calidade e confort visual regulamentarios”.
Mondoñedo capta fondos europeos
O proxecto, que recolle un custe previsto de 121.890,60 euros, conta co apoio do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE) que concedeu ao Concello de Mondoñedo unha axuda dun máximo de 97.512,48 euros no marco do Programa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.
O Concello de Mondoñedo volve captar, deste xeito, fondos procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, que xestiona o Ministerio de Transición Ecolóxica a través do IDAE. Xa lograra unha subvención do IDAE para a primeira fase do proxecto de mellora do alumeado público no entorno da Catedral e do Seminario de Mondoñedo cuxas obras se comezaron a executar a comezos do mes de marzo.
A administración local xa conseguira tamén o seu apoio para renovar o alumeado ornamental da Catedral e, previamente, lograra outra subvención do ente estatal para iniciar a renovación de puntos de luz no rural.