Mondoñedo, 16 de maio de 2021. O Concello de Mondoñedo avanza na posta en práctica da estratexia que se marcou de mellora de accesos, suprimindo tapóns e estreitamentos. Nesta liña, o goberno municipal mindoniense iniciou contactos con propietarios dos terreos necesarios para reformar o acceso ao Mirador. O custo total, entre a adquisición dos terreos e as obras, será de aproximadamente 100.000 euros.
A execución da intervención prevista, que é posible grazas a que está aprobado o PXOM (2016), repercutirá positivamente nos veciños de Carroceira e Curuxeiras, que usan a citada vía como acceso aos seus barrios dende Campo dos Paxariños. Ademais de gañar en comodidade, a reforma prevista suporá máis seguridade vial neste tramo.
As obras de mellora no acceso ao Mirador financiaranse con cargo ao convenio establecido co Deputación, negociado durante o anterior mandato.
En función da estratexia trazada polo goberno municipal para a mellora de accesos, xa se levaron a cabo outras intervencións e algunhas están en marcha: Fondoso, Coto de Otero, Regueira.