Galicia confía en que nos vindeiros días se poida deseñar o procedemento a seguir e que comece o antes posible a administración das doses. Trátase dun asunto no que o Executivo galego levaba solicitando desde febreiro que se actuase con celeridade e no que sempre actuou coa máxima lealdade institucional respectando os protocolos que se aprobaban nos Consellos Interterritoriais do Sistema Nacional de Saúde -nos que participan o Goberno central e as comunidades autónomas-.
A autorización do Ministerio de Sanidade supón o inicio do protocolo para optimizar a vacinación dos mariñeiros da frota galega, no que a Xunta precisa acceder aos datos dos que dispón o ISM, como o censo de todos os profesionais do mar, para que o proceso se realice do xeito máis áxil e eficiente posible.
O Executivo galego entende que o proceso de vacinación dos mariñeiros debe comezar polas frotas de altura e gran altura e continuar pola baixura tendo en conta as especiais características do sector. En moitos casos son barcos que realizan mareas de máis de 10 días e non contan coa posibilidade de atención sanitaria inmediata ao tempo que se enfrontan ás dificultades para manter as distancias de seguridade. Ademais, algunhas das súas campañas son estacionais polo que o posible confinamento das tripulacións pon en risco a rendibilidade das embarcacións.
Precisamente, as estancias longas en alta mar limitan tamén a dispoñibilidade dos mariñeiros para acudir á subministración da vacina, polo que Galicia defendeu desde o primeiro momento a posibilidade de destinar o soro dunha única dose a este colectivo, unha cuestión que se concretará finalmente durante o deseño da estratexia de vacinación do sector.
O Executivo galego lamenta que o Ministerio de Sanidade tardase en comprender as peculiaridades do traballo do mar e lembra que o sector foi declarado esencial durante a pandemia e, malia non ter máscaras de protección nin poder manter as distancias de seguridade a bordo, saíu todos os días a faenar para que non faltase alimento de calidade nos mercados.