A representante da Consellería do Mar explicou que esta ferramenta, que está a disposición do sector e de calquera cidadán, é froito do traballo realizado pola Unidade Técnica de Pesca de Baixura (UTPB) desde 1999 mediante o embarque de observadores a bordo dos buques pesqueiros -que rexistran os resultados obtidos polos mariñeiros nas súas xornadas de faena- e da análise dunha media de 3.000 lances anuais, unha información que se suma aos datos de vendas nas lonxas ofrecidos pola Plataforma Tecnolóxica da Pesca.
O atlas, subliñou Susana Rodríguez, fai unha radiografía da actividade extractiva da frota de artes menores, das súas características e das 20 principais modalidades de pesca existentes -como os distintos tipos de nasas ou as artes de enmalle, entre outras- así como a súa evolución. A isto súmase a avaliación en detalle das principais especies obxectivo da baixura -un total de 22, entre as que se atopan o polbo, a centola, a nécora, a sardiña, o xurelo, a pescada ou a vieira-, a súa presenza nas distintas zonas do litoral de Galicia e a evolución das súas capturas.
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro incidiu en que esta ferramenta é clave no desenvolvemento dunha pesca sostible así como na adopción das mellores decisións na explotación das especies. Por iso, a Xunta actualizará este atlas de xeito constante nos vindeiros anos co obxectivo de avanzar nunha xestión que teña en conta tanto os aspectos medioambientais como económicos e sociais.
Terreos portuarios
Pola súa banda, a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, analizou a tramitación das solicitudes de reversión de terreos portuarios realizadas por diferentes concellos. A este respecto, a responsable do ente público lembrou que a Xunta está traballando nesta cuestión a través dun grupo de traballo coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e de xeito independente cos concellos interesados no proceso de reversión. Neste marco realizouse un extracto legal e definíronse xa os trámites e criterios que se aplicarán para a valoración das solicitudes dos concellos, que ata o momento son 19 correspondentes a 17 municipios.
A presidenta de Portos de Galicia tamén aclarou que a reversión dos terreos dependerá, entre outras cuestións, dos intereses da Dirección Xeral de Costas do Estado e que, de producirse a reversión, os terreos incorporaríanse ao patrimonio estatal, que no seu caso podería cedelos ao municipio. Dado que se trata de terreos de dominio público marítimo-terrestre, a renuncia por parte de Portos de Galicia devolvería a titularidade do solo ao Goberno central. Neste sentido, subliñou que a proposta deberá elevarse ao Consello de Ministros, órgano competente para a aprobación final da reversión.