A Mariña, 5 de maio de 2021. Mais de 20 profesionais asisten hoxe e mañá en Foz a un curso, organizado pola Mancomunidade de Concellos da Mariña en colaboración coa Deputación de Lugo e coa Uned. Denomínase Formación en ferramentas de uso turístico e promoción online: Google Maps/My Business, Tripadvisor e Wikiloc.
O curso desenvólvese de 9 a 15 horas de xeito presencial na Uned, en Foz. Ofrécese tamén a versión online. Está a ser impartido por Cristina Collazo, especialista en Marketing online e comunicación para o sector turístico e cultural, con máis de 15 anos de experiencia en marketing e comunicación turística e directora dunha empresa de turismo activo de Galicia; e por Pablo Conde, técnico deportivo de montaña de nivel II, que conta con ampla experiencia no uso de dispositivos GPS e Wikiloc.
Segundo explica a axente de Deselvolvemento Turístico da Mancomunidade, Tania Hermida, “logo destas dúas xornadas presenciais, prevemos organizar dúas xornadas máis de acompañamento estratéxico, unha presencial e outra xornada online, na que analizaremos cales poden ser as problemáticas ou dúbidas específicas das comentadas plataformas, para lograr solucionalas e avanzar no proceso de dixitalización dos recursos territoriais turísticos”.
O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, lembrou que “dende a irrupción da Covid19, grazas á colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense traballa co obxectivo de mellorar a competitividade do xeodestino no entorno online. Así, durante o pasado ano o realizamos unha serie de accións en materia de Intelixencia Turística: formación en domunicación dixital, marketing e novas tecnoloxías para a promoción de destinos e empresas turísticas na era Covid-19, en Foz e Xove; estudo de posicionamento do xeodestino A Mariña Lucense, dos concellos que o integran e do sector privado; estratexia de Comunicación do xeodestino A Mariña Lucense; e foro de Intelixencia Turística da Mariña Lucense, organizado no pasado mes de decembro”.
Cajoto explicou que “nese Foro de Intelixencia Turística da Mariña Lucense unha das cuestións que se puxo enriba da mesa foi a xestión mellorable en plataformas como Google Maps (Google My Business), TripAdvisor ou Wikiloc por parte dos Concellos.Tamén, durante as reunións con alcaldes, alcaldesas, concelleiros/as e técnicos responsables de turismo, onde se trataron os estudos de posicionamento e cada caso en particular detectouse a necesidade formativa xeralizada no uso destas ferramentas relevantes a nivel turístico e deportivo”.
Para Fran Cajoto e Tania Hermida “estar presentes a día de hoxe nestas plataformas, tórnase vital para ofrecer ao visitante e ao turista, xa dende a etapa de planificación de viaxe, información de calidade e unha experiencia satisfactoria de dita fase de preparación. Tendo en conta isto, da man dos Concellos, co apoio da Deputación de Lugo e en colaboración coa UNED de Foz, viuse oportuno e necesario organizar un curso de formación para ser quen de publicar en ditas plataformas os seus recursos turísticos e as rutas que existen nos seus concellos e poñelo a disposición do usuario, antes de chegar ao xeodestino, e tamén para que os visitantes poidan dispoñer de dita información durante a súa estancia. Cada vez máis usuarios demandan información sobre rutas na rede, máis alá de mapas e folletos en formato físico”.
E engaden que “nos Concellos e concretamente nas oficinas de turismo deben estar preparados para responder a dúbidas de usuarios sobre os propios tracks e ser quen de coñecer este tipo de ferramentas e conceptos básicos de xestión das mesmas”.
Nesta formación, que se imparte hoxe e mañá en Foz, participan 22 responsables e técnicos de Turismo, Cultura, Deportes e TIC dos 16 Concellos da Mancomunidade de xeito presencial, online ou en diferido.