Burela, 7 de maio, 2021. A Fundación Expomar celebrará as súas Xornadas Técnicas na mañá do xoves 20 de maio baixo o título “2021: Odisea na Pesca”, nunha clara mención ás diferentes dificultades e desafíos que ten que afrontar o sector pesqueiro nesta época marcada pola pandemia da Covid-19.
A xornada, que será como sempre aberta ao público, terá lugar entre as 10:00h e as 13:30h a través dunha plataforma online e poderase acceder desde a web de www.expomar.com. Para asistir hai que rexistrarse previamente e a inscrición pode facerse xa desde a mesma web www.expomar.com/xornadas2021.
As Xornadas contarán coa participación da directora xeral de asuntos marítimos e de pesca da Comisión Europea, Emilia Gargallo de DG Mare da Comisión Europea; o secretario xeral de Cepesca e presidente de Europeche, Javier Garat; e a directora xeral de pesca sostible do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Isabel Artime, que sustitúe a Alicia Villauriz debido ao cambio de datas do Consello Consultivo de Pesca da UE no que debe participar a secretaria xeral.
O encontro estará moderado polo director de Abanca Mar, Javier Fraga. A presentación correrá a cargo do presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano; e será un ano máis a conselleira do mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana, a encargada de clausurar as Xornadas Técnicas 2021.
ENCONTRO EMPRESARIAL
Pola súa parte, o venres 21 de maio pola mañá celebrarase o Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras, que reúne cada ano ás entidades máis representativas da frota galega e ás asociacións profesionais do sector pesqueiro a nivel nacional.
As Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial están promovidos pola Fundación Expomar, en colaboración coa Deputación de Lugo e Afundación Obra Social Abanca, e financiadas polo GALP A Mariña Ortegal.