Lugo, 6 de maio de 2021. Este sábado celébrase a cuarta xornada da Copa Deputación de Atletismo, organizada pola Federación Galega co apoio da área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Uns 250 atletas de clubs de toda Galiza participarán nas diferentes probas que se desenvolverán no estadio Gregorio Pérez Rivera de Lugo ao longo da mañá.
Once clubs lucenses – Lucus Caixa Rural, Atlética Lucense, CP Maristas Lugo, Franciscanos, Lugo Running, Verxel Nutrición, Atletismo Friol, CCA Ría de Foz, Atletismo Ribadeo, A Gándara de Monfortee Maderas Barcia Lourenzá – contan con atletas inscritos na competición para esta xornada, na que se celebrarán probas de velocidade, salto e lanzamento de peso e xavelina en diferentes categorías, desde sub -16 a máster. Entre os nomes propios da listaxe de participantes destacan, entre outras, Adiaratou Iglesias, Álex Barreiro ou Santiago Rozas.
O deputado de Deportes, Efrén Castro, sinalou que “se trata dunhas xornadas moi valoradas polos clubs que atopan nelas unha oportunidade para ir consolidando a capacidade competitiva das e dos atletas. O atletismo lucense está nun gran momento, con atletas de distintas modalidades no máis alto dos ránkings a nivel estatal, e pensamos que a continuidade deste tipo de competicións axuda a que a canteira siga medrando, de aí que ano tras ano se manteña esta colaboración coa Federación de Atletismo”, concluiu.
A área de Deportes achega 5.000 euros á organización da Copa Deputación, que, segundo apuntou o delegado en Lugo da Federación, José Manuel Peña, “é unha das competición que máis participantes reúne de toda Galiza. Estimamos que nesta edición serán entre 1.500 e 1.700 participantes no total das cinco xornadas”.
As probas desenvolvénse atendendo ao protocolo anticovid da Federación Galega de Atletismo, que fixa un máximo de participantes en cada proba e require un control específico no acceso ás instalacións.
“A pesar de ser un ano complicado pola situacion sanitaria, tivemos un nivel de inscrición moi alta. Tratamos de organizar as probas para garantir a participación do maior número de atletas”, apuntou o delegado de atlestimo”.
A competición, que este ano cumpre 11 edicións, concluirá coa disputa da quinta xornada, prevista para principios do mes de xuño.