Lugo, 3 de maio de 2021. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informa de que a partir deste martes se poden adherir aos Bonos Impulso os establecementos da provincia interesados en participar nesta medida do Plan Impulso da Economía da Provincia, coa que a institución provincial inxectará máis de 1,5M€ no comercio e na hostalería da provincia.
Este luns o Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica as bases do programa, abríndose un prazo de 15 días hábiles para que se anoten os establecementos interesados en participar. Poden adherirse todos os pequenos comercios, locais de hostalería e hospedaxe, sempre que desenvolvan a súa actividade en calquera dos 67 concellos da provincia. Non existe límite de establecementos, polo que todas as empresas e autónomos do sector poderán participar, tendo en conta que non se poderá canxear lotaría, bebidas alcohólicas non alimentarias nin tabaco.
Na páxina web da Deputación habilítase un espazo específico e visual onde os negocios poderán cumprimentar un formulario sinxelo para formalizar a adhesión. Así mesmo a institución provincial habilita o teléfono 982.260.204 e o enderezo electrónico bonoimpulso@deputacionlugo.org para calquera dúbida que poida xurdir durante o proceso ou sobre o programa.
Unha vez rematado o proceso de inscrición, a institución provincial publicará a listaxe de establecementos participantes e faralle chegar a cada local admitido un indicativo da súa adhesión no programa. Un cartel que deberá colocar nun lugar visible, facilitando así que a veciñanza saiba en que establecementos poderá canxear os Bonos Impulso.
Efecto multiplicador
A Deputación destina 510.000€ para os Bonos Impulso, “pero o seu efecto multiplicador conseguirá transformalos en máis de 1,5M€, pois cada bono ten un importe de 30€ e as persoas para poder usalos deberán facer unha compra ou consumición mínima de 60€”. Repartiranse 17.000 bonos de 30€ cada un entre a poboación da provincia de tal forma que as persoas beneficiarias gasten o seu bono no concello no que residen. “Esta medida nace co propósito de que haxa actividade económica en todos e cada un dos 67 municipios que conforman Lugo, por iso cada persoa que teña un bono só o poderá gastar nos establecementos adheridos do seu municipio”.
En cada concello haberá un reparto equitativo dos bonos seguindo criterios obxectivos como a poboación, o número de persoas en situación de desemprego e o número de empresas dadas de alta no IAE (Imposto de Actividades Económicas). En base a iso, a Deputación establece un mínimo de 20 bonos para os concellos máis pequenos e un máximo de 5.000 para os máis grandes.
“Unha gran parte dos autónomos e das pequenas empresas atravesan momentos difíciles, sabémolo, por iso queremos axudar á súa recuperación con esta importante medida”, explicou o Presidente. “Os Bonos Impulso da Deputación son un incentivo para apoiar ás empresas e ás familias, promoven a actividade nas tendas de barrio e nos negocios de sempre, e axudan á concienciación da relevancia social que teñen no noso día a día”, incide Tomé Roca.
Así mesmo, o mandatario provincial recalca que esta medida “é unha inxección directa de recursos nos sectores máis afectados pola pandemia, crean valor engadido e xeran un efecto multiplicador na economía porque, como sempre dixemos, queremos unha recuperación sostible no tempo, unha recuperación estable e unha recuperación eficaz do tecido produtivo”. Á súa vez, lembrou que “o papel das Deputación é este, o de colaborar cos concellos e colaborar co tecido produtivo con actuacións de impulso, de promoción e de recuperación da economía”.
17.000 bonos
A Deputación porá a disposición da veciñanza da provincia un total de 17.000 Bonos Impulso. A súa solicitude realizarase unha vez remate a fase de adhesión dos establecementos, pero antes de que se abra o prazo, a institución provincial informará a través da súa páxina web, das redes sociais e dos medios de comunicación das datas e fórmulas para poder conseguir os Bonos Impulso. A súa asignación será por orde de presentación de solicitudes, respectando o número mínimo e máximo establecido de bonos por concello, e fixando nesta primeira fase de asignación un máximo dun bono por persoa.
Poderán solicitar un Bono Impulso as persoas maiores de 18 anos que residan ou estean empadroados nalgún dos 67 concellos da provincia. As persoas beneficiarias recibirán na súa casa a través de correo postal o seu Bono Impulso, que poderán utilizar como método de pagamento nun único establecemento. Este bono será nominativo, é dicir, levara o nome e apelidos de cada persoa, o que permitirá identificalo no momento da compra. O prazo para a canxear os bonos rematará o 31 de agosto.
Os únicos gastos que non se consideran subvencionables serán as bebidas alcohólicas non alimentarias, tabaco e lotarías, deixando de manifesto que tanto a hostalería (incluídos os servizos de aloxamento) como estancos, poderán participar xa que ofertan máis produtos no seu establecemento.
De non esgotarse todos os bonos nesta primeira fase de solicitude, a Deputación de Lugo habilitará novos prazos e realizará sorteos entre aqueles cidadáns interesados en participar no programa.
Dixitalización das PEMES
Os establecementos que se adhiran ao programa poderán participar nun proxecto integrado dentro das medidas do Plan Impulso da Deputación de Lugo a través do que se mellorará a xestión, a dixitalización e a visibilidade social do negocio de forma gratuíta. A institución provincial porá á disposición das PEMES e MICROPEMES, se así o aceptan, formación e novas destrezas que fagan máis competitivos os negocios da provincia.