Vilalba, 29 de maio de 2021. “A esquerda non está a solucionar os problemas dos veciños das grandes vilas da provincia”. Así o expuxo a presidenta provincial logo da xuntanza de traballo mantida esta mañá en Vilalba cos representantes da formación popular dos concellos de maior poboación, despois do da capital -é dicir, Burela, Foz, Monforte de Lemos, Vilalba, Viveiro e Ribadeo- e na que analizaron as principais eivas destes gobernos municipais, rexentados todos polo partido socialista, excepto Ribadeo, no que goberna, como é sabido, o Bloque Nacionalista Galego, e Sarria, os Independentes.
A máxima dirixente do PP na provincia trasladou así os populares “o apoio incondicional” da dirección para seguir traballando para que “en dous anos se produza tamén un cambio de ciclo nestas localidades”.
“Os veciños están demandando outra forma de facer política. Precisan feitos e que cada idea leve asociada unha proposta executable”, afirmou, remarcando a falta de liderado dos dirixentes das principais vilas da provincia.
“Aquí estamos representados varios concellos da Mariña e todos sabemos que o PSOE non está a solucionar o principal problema que temos, o de Alcoa. Está tamén o máis grande da Zona Sur, o de Monforte, e cuxo alcalde é máis noticia pola súa política de favorecer aos seus -véxase o cabreo das traballadoras do Centro do Viño e a guerra aberta cos mestres do conservatorio-; ou da Terra Chá, onde o seu principal Concello, Vilalba, está sumido nunha desidia absoluta e é un dos afectados pola falta de solución para As Pontes”, detallou Candia.
A esquerda, “incapaz de ser útil cando goberna”
Por este motivo, a presidenta animou aos populares “a non baixar a garda” e “ser a alternativa a unha esquerda “incapaz de ser útil cando goberna”. Neste senso, a presidenta lembrou que, en días pasados, a formación que representa puxo enriba da mesa os incumprimentos do Goberno con Lugo; incumprimentos que, dixo, “tamén afectan aos vosos concellos”.
Municipios inmobilistas
“Ademais de Alcoa e de Endesa, temos o problema das infraestruturas; o da alta velocidade: o da protección do lobo, que nesta zona e na Mariña, nos afecta moi directamente; o da PAC tan necesaria para os gandeiros da Terra Chá…. E fronte a esta política tan destrutiva, os gobernantes destes municipios son expertos no inmobilismo. É dicir, entre os seus veciños e Pedro Sánchez, sempre elixen a este último”. Por iso, Elena Candia defendeu a necesidade de dar continuidade ao cambio de ciclo iniciado en Galicia con Alberto Núñez Feijóo e continuado máis recentemente cos resultados acadados polo Partido Popular en Madrid.