Site icon Crónica3.com A Mariña

Día de Europa no IES Ribadeo, escola Embaixadora do Parlamento Europeo

Ribadeo, 7 de maio, 2021. O IES Ribadeo Dionisio Gamallo, como unha das 6 escolas galegas Embaixadoras do Parlamento Europeo e coa coordinación do departamento de Filosofía está levando a cabo estes días actividades con motivo do DÍA DE EUROPA, que nesta ocasión coincide en domingo. Algunhas destas actividades tiveron lugar durante a mañá do 22 de abril cando alumnas da materia de Filosofía participaron na V Asamblea de Aragón Modelo de Parlamento Europeo na que se preguntou ao alumnado ¿Como resolverías os principais problemas dos adolescentes nesta época de pandemia?, e que xuntou a máis de 200 alumnos e alumnas de 20 centros de toda España.

Tamén durante estes días distribuímos mapas europeos por diversas aulas e espazos comúns do centro e enviamos aos colexios da zona (Ribadeo, Trabada, San Cosme de Barreiros e San Miguel de Reinante), para animalos a participar na conmemoración do DÍA DE EUROPA e de paso coñecer os elementos básicos que nos unen, que nos diferencian e que en definitiva enriquecen a nosa sociedade. Tamén nas zonas comunes do centro distribuimos carteis e posters informativos sobre a moeda única e os países que compartimos o €.

Do luns 26 ao venres 30 de abril, e coincidindo con la celebración da Semana de Acción Mundial pola Educación levamos a cabo unha actividade deportiva, en colaboración co departamento de Educación Física, e organizada por SAVE THE CHILDREN chamada Kilómetros Solidarios. O alumnado acumulará quilómetros a través dunha aplicación e buscará apadriña- e amadriñamento en función dos quilómetros que fagan. Desta maneira respectaremos todas as medidas sanitarias establecidas, incentivaremos a actividade física entre o noso alumnado e promoveremos a defensa da Educación en todos os ámbitos da nosa comunidade, sobre todo para os máis desfavorecidos.

Desde o luns 26 de abril estará exposta na entrada do centro a exposición Francesc Boix: O fotógrafo de Mauthausen, que conta tamén cunha documentación fílmica que pode ser visionada no salón de actos. Divulgaremos esta exposición desde os nosos espazos web e redes sociais.

O xoves 6 de maio tivemos dous Talleres ERASMUS en colaboración con Europe Direct A Coruña, Erasmus Student Network e as Escolas Embaixadoras e Mentoras do Parlamento Europeo en Galicia e as escolas Sénior. Estes Talleres queren achegar aos futuros estudantes universitarios e/ou de ciclos os programas ERASMUS co fin de visibilizar as moitas e variadas oportunidades de formación, a través da colaboración das entidades locais con proxección europeísta, e promover actividades conxuntas entre as Escolas Emabixadoras do Parlamento Europeo.

Durante o recreo do venres 7 de maio, proxectaremos no patio de columnas videos sobre a Unión Europea que en cursos precedentes levaron a cabo alumnos e alumnas do centro nas materias de Filosofía e na optativa EUROPA de 1º BACH; tamén aproveitamos para divulgar noticias sobre o Parlamento Europeo no taboleiro no mesmo lugar, e de forma virtual no espazo twiter @Cosmopolitas1. Tamén queremos compartir desde as nosas páxinas os diferentes xogos, kahoots e outras actividades de contido directamente relacionado co noso posto en Europa e con información sobre a Unión Europea e as institucións que a compoñen.

Desexamos que estas actividades contribúan a normalizar e potenciar os valores europeístas, solidarios e democráticos que a sociedade necesita, e favorecer así o progreso pacífico que nos permita construír a Europa do mañá, o Mundo da cidadanía universal.

Exit mobile version