Site icon Crónica3.com A Mariña

Concerto matinal da Asociación de Violonchelistas de Galicia, este sábado en Viveiro

Viveiro, 20 de maio de 2021. O Concello de Viveiro organiza, en colaboración co Conservatorio Profesional de Música do municipio, o concerto matinal da Asociación de Violonchelistas de Galicia “Soncello”, o vindeiro sábado 29 de maio. A cita terá lugar a partir das 12:30 no Salón do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro e continuará ás 13:30 no Salón Multiusos do Concello.

O concerto ofrecerá pequenas intervencións de diferentes violonchelistas e outros instrumentistas que demostran a versatilidade do violonchelo como instrumento só e en conxunto. Os intérpretes tocarán a música de compositores como J.S. Bach, W.A. Mozart ou A. Piazzolla. Ademais, parte do alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro participará na actuación.

A Asociación de Violonchelistas de Galicia, “Soncello”, promove dende a súa fundación en 2011 actividades que dinamicen a cultura e o coñecemento arredor do violonchelo en Galicia. Xuntanzas, concursos, ciclos, cursos ou unha revista dixital son algunhas das iniciativas que poñen en marcha. Viveiro acollerá á asociación o vindeiro 29 de maio co obxectivo de promover este tipo de iniciativas culturais no municipio.

A entrada ao evento é de balde ata completar a capacidade das salas, o concerto cumprirá ademais con todos os protocolos sanitarios COVID-19 pertinentes.

A información sobre o concerto está dispoñible na web: https://soncello.com/ ou na dirección de e-mail info@soncello.com

Exit mobile version