Site icon Crónica3.com A Mariña

Con 35 casos activos de Covid, Viveiro pasa a nivel alto de restricións

Viveiro, 26 de maio de 2021. O Concello de Viveiro informa que, segundo a información facilitada pola consellería de Sanidade e dada a situación epidemiolóxica actual, o Concello de Viveiro pasará o vindeiro sábado 29 de maio ao nivel de restrición alta. Actualmente, o número de casos positivos por COVID-19 ascende a 35.

Atendendo as novas medidas para controlar a pandemia, este cambio de nivel aprobado polo comité clínico da Xunta implica que os establecementos de hostalería e restauración non poderán prestar os seus servizos no interior e que a capacidade da terraza se reduce ao 50%.

Non obstante, o cambio de nivel non afectaría aos aforo en eventos deportivos, piscina, biblioteca ou teatro, que continuarían limitado ao 30%. A medida tampouco afectaría á permanencia de grupos de persoas que, segundo a normativa actual, está limitada a un máximo de catro persoas en espazos pechados e de seis en espazos abertos ou ao aire libre, sexan de uso público ou privado, agás que se trate de persoas conviventes.

No caso de agrupacións que inclúan persoas conviventes e non conviventes, o número máximo será tamén de catro persoas en espazos pechados e de seis en abertos.

Doutra banda, entre as 1:00 e as 6:00, a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, e en espazos de uso privado está limitada aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes.

Das limitacións anteriores exceptúanse determinados supostos e situacións, como no caso de persoas que vivan soas, que poderán formar parte dunha única unidade de convivencia ampliada, ou a reunión de persoas menores de idade cos seus proxenitores, no caso de que estes non convivan no mesmo domicilio.

O goberno municipal fai fincapé na necesidade de extremar as precaucións e de cumprir coas limitacións establecidas, co fin de evitar novos contaxios e a propagación do virus. O Concello de Viveiro apela á responsabilidade social para poder mellorar a situación epidemiolóxica do municipio e recuperar a normalidade canto antes.

Exit mobile version