Segundo a información facilitada este cambio de nivel entraría en vigor este sábado, 22 de maio, estando neste momento á espera da publicación correspondente no Diario Oficial de Galicia.
No momento da entrada en vigor deste cambio de nivel, pasarían a aplicarse as medidas establecidas para os concellos de restrición media segundo a “Orde do 7 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia tendo en conta a finalización da prórroga do estado de alarma establecida polo Real decreto 956/2020, do 3 de novembro”.
Entre outras cuestións, o paso ao nivel de restrición media implica unha redución no aforo dos eventos deportivos, da piscina, da biblioteca e do teatro, que pasaría a ser do 30%.
Tamén implicaría un cambio na hostalería e restauración. Os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e consumo a domicilio, de entrega a domicilio, de terraza co 50% do aforo e tamén servizo no interior cunha ocupación do 30%. Non se poderá prestar servizo na barra.
O horario de peche ao público será ás 23:00 horas. Os restaurantes disporán da opción de ampliar o seu horario ata as 1:00 horas exclusivamente para o servizo de ceas, sempre que cumpran os requisitos establecidos e sen que poidan admitirse novos clientes a partir das 00.00 horas.
Os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e consumo a domicilio ou ben servizo de entrega a domicilio ata as 1.00 horas.
Non se producen cambios nas limitacións dos grupos de persoas, que se manteñen igual que ata o momento.
Dende o goberno municipal solicítase a todos os veciños e veciñas a máxima prudencia e o cumprimento de todas as medidas e limitacións establecidas, coa finalidade de evitar un incremento de contaxios e que a situación epidemiolóxica no Concello de Viveiro mellore canto antes e poder volver, de novo, ao nivel anterior. Trátase dunha cuestión de responsabilidade social en beneficio de todos e todas.