Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezan os traballos de aglomerado no firme na estrada de Augaxosa a Trabada

Lugo, 8 de maio de 2021. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, acompañados da Alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, supervisaron os traballos de renovación da estrada provincial LU-P-5506, unha vía que une Augaxosa con Trabada. As melloras realízanse dende o quilómetro 0 ata o 4,1.

A institución provincial inviste 152.500€ nesta vía que percorre os concellos de Trabada, A Pontenova e Lourenzá, e é a principal vía de comunicación do municipio trabadense coa capitalidade da provincia. Estas melloras permitirán que a vía quede renovada de maneira íntegra co estendido de aglomerado en quente. Anteriormente realizouse a limpeza de cunetas.

Esta actuación dá resposta a unha demanda histórica da veciñanza da zona, que reclamaban a remodelación desta estrada LU-P-5506, por ser a vía que conecta con Lugo cidade. Desta mellora tamén se beneficiarán moitos veciños e veciñas do centro da provincia que empregan esta estrada para acudir ás praias da Mariña.

“A rede viaria provincial é unha liña de actuación prioritaria da Deputación, tal e como o Goberno provincial demostra nos Orzamentos do ano 2021, nos que aumentan os fondos para este fin nun 14%, ata chegar aos 16M€”, sinalou Tomé Roca. Así mesmo, insistiu que “dende a institución provincial cremos que a mobilidade é un dereito máis da cidadanía, e manter en bo estado as comunicacións por estrada é imprescindible para garantir a igualdade de oportunidades e o equilibrio territorial, e, polo tanto, para fixar poboación no rural”.

Exit mobile version