Un ano máis, Vicepresidencia farase cargo do importe total das actuacións, liberando aos concellos e asociacións culturais do investimento, como fixo no 2020. “Mantemos as novidades que incorporamos o ano pasado, en canto ao financiamento, asumindo o centro por cento do custo das actuacións, para apoiar o esforzo dos concellos e das asociacións por manter a actividade cultural neste ano no que vemos como a situación epidemiolóxica mellora pero no que temos que afrontar a pegada sanitaria, social e económica que da Covid 19” explicou a vicepresidenta e responsábel de Cultura.
Neste sentido, Maite Ferreiro destacou que “na hora de abordar a recuperación, non podemos deixar de lado a situación das bandas e dos grupos de música tradicional. Detrás delas hai sempre persoas a traballar para facilitar que na súa parroquia, concello ou comarca exista a xente poida estar en contacto coa música, a través de actividades culturais pero tamén formativas como clases de música e de baile. Desde a súa creación, na primeira etapa de goberno nacionalista na Deputación, Musiqueando contribuíu a consolidar este tecido asociativo que sen estar totalmente profesionalizado ten unha gran repercusión económica e social moi notable, e cremos que neste momento este pulo é máis necesario ca nunca”, sostivo.
A responsábel de Cultura lembrou tamén o balance do Musiqueando no 2020 no que, “malia a incertidume provocada pola situación sanitaria, desde a Vicepresidencia mantivemos a aposta por esta programación e logramos demostrar que a cultura é un espazo seguro, se se atenden as medidas de prevención indicadas polas autoridades sanitarias, como fixemos, grazas á colaboración dos propios grupos e dos concellos”.
Convocatoria
Musiqueando está aberto á participación de todos grupos de música tradicional, corais e bandas que teñen a súa residencia ou sede social na provincia. O importe que reciben polas actuacións establécese en función do tipo de grupo e do número de integrantes, variando entre os 750 e os 2.500 euros. Os concellos e asociacións terán que programar as actuacións solicitadas desde o 3 de xullo até o 14 de novembro.
No caso de que as circunstancias sanitarias impidan celebrar as actuacións concertadas ao vivo, os grupos teñen a opción de facer unha gravación audiovisual que a área de Cultura difundirá a través das súas canles dixitais.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo destina ao programa un total de 180.000 euros.