Site icon Crónica3.com A Mariña

Celebráronse este xoves en formato semipresencial as XXVIII Xornadas Técnicas de Expomar

Burela, 20 de maio, 2021. As XXVIII Xornadas Técnicas de Expomar celebráronse este xoves 20 de maio en formato semipresencial desde o seu escenario habitual, no salón de actos da confraría de pescadores de Burela, o que supón xa recuperar unha certa normalidade nos eventos do sector.

Aínda que os diferentes relatorios realizáronse a distancia, a presentación a cargo do presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano, si se celebrou desde esta sala, dando a benvida aos asistentes e saudando aos relatores e a todas as persoas que seguían o acto vía telemática. As Xornadas Técnicas contaron este ano con 186 inscricións, máis de 25 persoas asistiron ao acto presencialmente e uns 70 espectadores conectáronse nalgún momento a través da web e redes sociais da Fundación Expomar.

Llano lamentou non poder estar a celebrar a edición deste ano da feira náutico-pesqueira Expomar, na que a organización tiña postas grandes expectativas, pero xa emprazou ao público á próxima celebración do ano 2023, augurando unha feira espectacular.

Pola súa banda, o moderador da xornada, Javier Fraga, director de Abanca Mar, que tamén guiou o evento presencialmente desde a confraría de Burela, agradeceu ao sector pesqueiro o seu funcionamento durante o Covid e destacou as fortalezas de Burela como potencia pesqueira dentro de Galicia e España.

A directora xeral de Pesca Sostible do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Isabel Artime, abriu a xornada co tema «Principais retos do sector pesqueiro español» baixo o obxectivo da sustentabilidade, expoñendo o marco normativo español en desenvolvemento con tres novas leis e outros reais decretos. Artime recoñeceu que son anos cruciais na política pesqueira internacional, europea e española, facendo especial fincapé no Brexit e o cambio de relacións que provoca.

Representando á dirección xeral de asuntos marítimos e de pesca da Comisión Europea, Emilia Gargallo centrouse na «Estratexia da granxa á mesa: que lle depara ao sector da pesca?», presentada hai un ano e que espera lograr que o sistema alimentario europeo se convirta en líder a nivel mundial. Para ela a do Covid foi unha crise sanitaria, non alimentaria, pero confía en poder dispoñer dun plan de continxencia para garantir a subministración de alimentos en futuras crises.
E finalmente Javier Garat, secretario xeral da Conferedación Española de Pesca (Cepesca) e presidente da Asociación das Organizacións Nacionais de Empresas Pesqueiras da Unión Europea (Europêche) realizou unha «Análise crítica da situación pesqueira», resumindo en oito puntos a narrativa de que a pesca non é o problema, senón parte da solución, encomiando os beneficios do peixe como alimento perfecto e que xera felicidade.

Garat centrouse na crítica á política de escaparate, tanto a nivel español como europeo, comentando o pacto verde ou as estratexias de biodiversidade, facendo tamén referencias ao regulamento de control e ao Brexit. A nivel español fixo referencia á falta de tripulantes e titulados, á vez que se amosou decepcionado co chamado plan de recuperación para a pesca, lamentando a descoordinación entre ministerios dun mesmo goberno e criticando o desproporcionado réxime sancionador español.

A conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana, encargouse da clausura das Xornadas Técnicas Expomar 2021, na que aproveitou unha vez máis para agradecer a forma de traballar do sector durante a pandemia, enumerando as diferentes axudas promovidas desde a Xunta de Galicia.

Recoñeceu que o sector sufriu no último ano, pero ao mesmo tempo soubo redifinirse e adaptarse a unha situación tan complicada e con retos tan importantes. Por exemplo, o prezo medio de 2020 foi o terceiro mellor da serie histórica desde 1997, o que demostra a fortaleza do sector.

Esta edición de Expomar 2021 complétase o venres 21 pola mañá, coa celebración do Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras, que reunirá de maneira virtual un ano máis ás principais entidades representativas da frota galega e do sector pesqueiro a nivel nacional.

A reunión dos representantes da frota terá lugar telematicamente entre as 10:00h e as 13:30h e ao finalizar o evento, como cada ano, faranse públicas as conclusións tomadas durante a reunión.

Tanto as Xornadas Técnicas como o Encontro Empresarial están organizados pola Fundación EXPOMAR, en colaboración coa Deputación de Lugo e Afundación Obra Social Abanca, e financiadas polo GALP A Mariña Ortegal.

Exit mobile version