Site icon Crónica3.com A Mariña

CCOO denuncia dispendio de recursos públicos no INEGA, con encomendas de xestión que superan o medio millón de euros

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2021. A Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO de Galicia denuncia o dispendio de recursos públicos no Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) a través de encomendas de xestión «fraudulentas» que superan o medio millón de euros. O sindicato lembra que o Consello de Contas recomenda non empregar este sistema de contratación de servizos como medio recorrente para suplir as carencias de persoal propio.

No caso do INEGA, as encomendas de xestión empregan a 15 persoas, que case equivalen á metade das traballadoras e traballadores públicos con que conta o organismo público (33).

Segundo CCOO, estas encomendas de xestión son todas a través de TRAGSA e ascenden a 528.619,08 euros, cun custo medio por traballador ou traballadora de 35.241,27 euros. Desagréganse do seguinte xeito:

— Plan renove de electrodomésticos (antes facíase con persoal propio). Sete persoas durante cinco meses. Custo: 74.962,06 euros.

— Desenvolvemento e mantemento de aplicacións para a xestión de axudas. Catro persoas durante todo o ano. Custo: 173.598,74 euros.

— Control de certificacións enerxéticas de vivendas e aplicacións asociadas. Tres persoas durante todo o ano. Custo: 109.467,06 euros.

— Plan de axudas para a adquisición de vehículos (antes facíase con persoal propio). Tres persoas durante todo o ano. Custo: 75.546,66 euros.

— Apoio técnico para o desenvolvemento da Axenda Galega de Transición Enerxética 2021-2030. Dúas persoas. Custo: 95.044,56 euros.

Para a FSC-CCOO, estas prácticas demostran que o Goberno de Feijóo continúa «impulsando a súa propia Administración paralela», para o que se está a malgastar unha «inxente» cantidade de recursos públicos en prestar un peor servizo. Segundo o sindicato, se a Xunta de Galicia aumentase o persoal propio dos entes públicos, poderíase dar un servizo de maior calidade.

Por esta razón, CCOO pide a paralización das encomendas «fraudulentas» que obedecen a tarefas estruturais, e que os traballos correspondentes se asuman con persoal propio. O cadro de persoal necesario deberá ser incluído na primeira oferta pública de emprego.

Por último, o sindicato esixe negociar os criterios para regular as encomendas de xestión que obedezan «exclusivamente a traballos conxunturais que non poida facer persoal propio da Xunta».

Exit mobile version