Explica Castiñeira: “Indignados estamos tamén pola burla que é a resposta que o alcalde deu a algo tan importante como a petición dun plan de emprego, feita pola oposición e denegada polo Partido Socialista e o BNG. Que diga abertamente que non quere facer un plan de emprego, un plan que pedían cando estaban na oposición. Pero que diga que está creando emprego, por 600.000 euros, iso é un insulto á intelixencia de todos os focenses. Só lle faltou dicir que traballan no concello 85 persoas e que iso é un plan de emprego. Non pode incluír aí obradoiros que aínda non están concedidos e os programas de emprego da Xunta ou da Deputación; é unha auténtica vergonza de resposta”.
Os populares reclaman “un plan de emprego específico, como se fixo sempre e como o que pedían vostedes cando estaban na oposición, para reforzar servizos no verán e tratar de dar emprego e oportunidades a todas esas persoas que esperan traballos de tres a seis meses”. Castiñeira sinala: “Hai que tratar de ter unha partida, como nos últimos anos, de entre 100.000 e 150.000 euros, ou 200.000 euros, porque este é un ano especial. O resto son desculpas baratas”. O portavoz popular avisa a Cajoto: “Van facer falta socorristas, xente para limpar as estradas e as rúas, para a recollida do lixo, o adecentamento urbano e a limpeza de praias; todos iso é necesario e cos programas que vostede ten non vai chegar”.
Castiñeira avisa: “Dicímosllo a tempo dende a oposición; despois non veña dicindo que sempre estamos protestando. Estamos intentando anticiparnos, como fixemos coas axudas, pero vostede maltrata todo o que vén da oposición. Pedimos máis respecto á oposición e máis respecto para os veciños de Foz”.