Proba delo, é que a súa presenza como tal no encontro organizado pola Secretaría de Estado de Turismo en Lanzarote, e no que se presentou a Estratexia de Sostibilidade Turística en Destino, “tan só serviu para facerse a foto coa ministra Maroto, porque o que son investimentos, non trouxo nin o primeiro”, argumentaron.
Candia e Castiñeira atribuíron este feito “ao pouco peso político” do socialista, advertindo que “o lóxico sería que aproveitase o encontro para trasladar ao Goberno a importancia de dar unha solución, por exemplo, a Alcoa ou de potenciar a comarca e os nosos recursos”.
“Lonxe de presionar para que o Goberno central e a Sepi non se desentendan da fábrica de San Cibrao e de implicarse como alcalde da comarca para que se materialice a venta, parece que só foi ás Canarias a pasar un bo día”. “Temos que dicir que agardabamos unha maior preocupación, pero non só son fotos, é tamén esixir responsabilidades a quen corresponda e, no futuro de Alcoa, o Executivo de Sánchez tenas sen ningún tipo de dúbidas”, insistiron.
“Con Cajoto chegou a inestabilidade gobernamental”
Por outra banda, e en clave máis local, recoñeceron que “con Cajoto chegou a inestabilidade gobernamental”. “Temos o goberno máis inestable de todos os tempos. Case que se podería dicir, apuntou a presidenta, que Foz é o Concello do PSOE con máis concelleiros que se dan de baixa”.
Para a dirixente dos populares esta circunstancia “non é un tema menor”, xa que “se non te entendes cos teus, malamente se pode dar un servizo eficaz aos veciños dende o cargo que se ocupa”, afirmou.
Elena Candia referiuse así a que, dende que se constituíu a Corporación en xuño de 2019, xa renunciaron como edís Verónica Peña, que fixo efectiva a súa baixa logo do conflito relativo ao centro de día; Héctor Moris, que alegou motivos familiares e persoais; e, a última, Milagros Louzán, que tan só levaba como concelleira pouco máis dun ano.
Con este feitos, a presidenta animou aos presentes “a seguir traballando da man de Castiñeira, pois, nos últimos anos, os proxectos máis importantes de Foz, levan o seu selo”.