Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiros quere formar parte da rede de albergues públicos de Galicia

Barreiros, 3 de maio de 2021. O Concello de Barreiros vén de dirixirse por escrito á dirección da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo para solicitar información sobre as condicións de inclusión do Refuxio de Gondán e do Albergue de San Xusto, ambos de titularidade municipal, na Rede de Albergues Públicos de Galicia.

Ambas instalacións permanecen pechadas desde a irrupción da pandemia e o inicio do Estado de Alarma en marzo do ano pasado. Porén, desde a área de turismo, conscientes da importancia do estado no que se atopen as instalacións para a promoción turística do Camiño, iniciáronse os traballos de estudo e valoración do seu estado para incluílas na Rede Pública de Albergues.

Desde o departamento de turismo trasladouse ao ente autonómico a necesidade de que “as infraestruturas sexan renovadas e melloradas, tanto pola calidade do servizo como pola imaxe do Camiño; xa que non só afecta á percepción de Barreiros senón tamén á de Galicia, dada a proxección turística que ten o Camiño de Santiago.” Nese sentido, a inclusión do Refuxio de Gondán e do Albergue de San Xusto na rede pública suporía “un paso adiante na promoción das instalacións e melloraría a xestión das mesmas, homologándose ao mesmo tempo a outras instalacións similares de carácter público.”

A alcaldesa explica que “para un Concello coma Barreiros, contar con instalacións de acollemento ás persoas que fan o Camiño de Santiago é fundamental, e máis tendo en conta que Barreiros se atopa nunha etapa do Camiño longa e de dificultade alta, que vai dende o núcleo urbano de Ribadeo ao de Lourenzá, polo que unha parte das peregrinas e peregrinos demandan dispoñibilidade de aloxamento a medio camiño.”
Ao mesmo tempo, a solicitude de inclusión na rede tamén supón a revisión das condicións das instalacións; de xeito que se garanta o cumprimento das condicións mínimas para albergar establecementos públicos deste tipo.

Exit mobile version