Ribadeo, 31 de maio de 2021. A Concellaría de Cultura fai un balance positivo do obradoiro do programa Apego, que tivo lugar o pasado sábado, e para o que se esgotaron todas as prazas ofertadas. O xogo heurístico tivo como destinatarios ás familias e ás crianzas de 12 a 24 meses.
A concelleira de Cultura, Pilar Otero, dixo que “sempre é positiva calquera actuación no marco do programa Apego. Pero se, como neste caso, se cobren todas as prazas dispoñibles no obradoiro impartido pola educadora María Novo sobre o xogo heurístico, entón non resulta vanidoso dicir que foi un éxito, non para o Concello senón para toda a sociedade, xa que precisamente o apego pola nosa lingua vai ser o único que salve ao galego, en particular, e a nosa cultura, en xeral, do abandono e do esquecemento”.
A edil ribadense sinalou que “o futuro está nas nosas mans e nas das nosas crianzas. Se hai interese polo que é o noso símbolo de identidade, sen importar ideoloxías nin circunstancias xeográficas ou sociais, tal e como se demostra na participación de diversos concellos e institucións de diferentes cores políticas, entón hai futuro e entón a valoración ten que ser sempre positiva”.
Pilar Otero engadiu que “todo o que traballemos para que o galego e a nosa cultura e a nosa identidade saian adiante, sempre será bo”.