Site icon Crónica3.com A Mariña

Remataron os traballos realizados na vía provincial que une Ribadeo con Vilaselán

Lugo, 17 de maio de 2021. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e os Deputados de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, comprobaron co Alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e diferentes membros da corporación municipal, os traballos de mellora na estrada LU-P-5202 que vén de realizar a institución provincial.

Esta é unha vía que conecta o núcleo de Ribadeo con Alto dos Pinos (N-634) pola parroquia de Vilaselán, na zona da Lodeira, e que foi mellorada co investimento da Deputación de 47.000€. Concretamente, as obras consistiron no acondicionamento da vía con aglomerado en quente, a dotación de beirarrúas e o repintado da sinalización horizontal e vertical. Estas obras fixéronse entre os puntos quilométricos 0 e 0,406.

O Presidente, José Tomé Roca, explicou que estas obras son moi importantes, pois permitirán aos veciños e veciñas de Vilaselán poder ir andando con total seguridade ao centro de Ribadeo. Ao mesmo tempo, as melloras beneficiarán aos centos de usuarios que empregan a vía, pois trátase da estrada que comunica coa rotonda que dá acceso á autovía que une Galicia con Asturias.

Con esta actuación na rede viaria provincial, a máis extensa de España, a Deputación segue traballando nun dos seus principais obxectivos, como é a mellora da mobilidade, necesaria para aumentar a calidade de vida dos veciños e veciñas, e favorecer a igualdade de oportunidades e o equilibrio territorial.

Exit mobile version