Burela, 18 de maio, 2021. As Xornadas Técnicas de Expomar deste ano, malia as limitacións impostas pola situación sanitaria da Covid19, vanse converter nas máis abertas da súa historia, posto que a Fundación Expomar ofrece múltiples posibilidades para seguilas en directo.
Para a posta en escea da xornada empregarase a plataforma zoom, polo que as persoas interesadas en interactuar cos ponentes deben rexistrarse previamente desde a páxina www.expomar.com. As diferentes ponencias tamén se poderán seguir en directo a través de youtube, con acceso directo desde a mesma páxina de Expomar.
O evento, que se celebra na mañá deste xoves baixo o título “2021: odisea na Pesca”, non só se poderá seguir a través de internet, senón que as persoas do sector pesqueiro tamén as poderán seguir presencialmente desde o salón de actos da confraría de pescadores de Burela, desde onde se emitirá a presentación da xornada e intervirá o moderador.
Rógase aos interesados chegar á sala con suficiente antelación, xa que o acceso tramitarase cun obrigado rexistro de asistentes e por suposto gardaranse tódalas medidas de seguridade marcadas polas autoridades sanitarias.
A intención da organización é que as xornadas poidan chegar fácilmente ao maior número de persoas posible, debido ao interese que desperta a temática deste ano nos diferentes ámbitos do sector pesqueiro.
As Xornadas Técnicas 2021 estarán moderadas de novo polo director de Abanca Mar, Javier Fraga, e contarán coa participación de Isabel Artime, directora xeral de pesca sostible do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación; Emilia Gargallo, de DG Mare da Comisión Europea; Javier Garat, secretario xeral de Cepesca e presidente de Europeche; e Rosa Quintana, conselleira do mar da Xunta de Galicia, que se encargará de clausurar esta edición.
Despois da presentación a cargo do presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano, a directora xeral de Pesca Sostible do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Isabel Artime, abrirá a xornada co tema «Principais retos do sector pesqueiro español».
Representando á dirección xeral de asuntos marítimos e de pesca da Comisión Europea, Emilia Gargallo realizará a súa ponencia «Estratexia da granxa á mesa: que lle depara ao sector da pesca?».
E finalmente Javier Garat, secretario xeral da Conferedación Española de Pesca (Cepesca) e presidente da Asociación das Organizacións Nacionais de Empresas Pesqueiras da Unión Europea (Europêche) realizará unha «Análise da situación pesqueira» desde a perspectiva do sector empresarial.
En torno ás 13:30h a conselleira do mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana, encargarase da clausura das Xornadas Técnicas Expomar 2021.
O venres 21 pola mañá celebrarase o Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras, que reunirá de maneira virtual ás principais entidades representativas da frota galega e do sector pesqueiro a nivel nacional.
Tanto as Xornadas Técnicas como o Encontro Empresarial están organizados pola Fundación EXPOMAR, en colaboración coa Deputación de Lugo e Afundación Obra Social Abanca, e financiadas polo GALP A Mariña Ortegal.